ASAGA, como socio promotor do proxecto G.O. SOST4VID, destacou o potencial da agrofotovoltaica para avanzar cara a unha viticultura máis sostible
ASAGA participou na xornada técnica do proxecto europeo Grupo Operativo (G.O.) SOST4VID, celebrada na Adegas As Laxas, onde puxo en valor o papel da innovación e da agrofotovoltaica como ferramentas para impulsar unha viticultura máis sostible, eficiente e preparada para afrontar os retos do cambio climático. O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu esta mañá á visita das instalacións deste proxecto piloto.
Como socio promotor do proxecto, a organización interveu cun relatorio centrado na visión do Grupo Operativo SOST4VID e no interese que esta iniciativa representa para o sector vitivinícola, destacando as oportunidades que ofrece a integración de tecnoloxías innovadoras para reducir a pegada de carbono da produción de viño e mellorar a competitividade das explotacións.
O proxecto do Grupo Operativo SOST4VID está orientado ao desenvolvemento de solucións de agrofotovoltaica para a redución da pegada de carbono na viticultura galega, combinando a produción de enerxía renovable co cultivo da vide. A iniciativa aposta pola aplicación de estratexias de smart farming, avaliando distintos modelos de instalación para favorecer o autoconsumo enerxético, reducir o uso de combustibles fósiles e as emisións, así como protexer os viñedos fronte a fenómenos meteorolóxicos como a sarabia ou o exceso de radiación solar.
Ademais, o proxecto busca optimizar o ecodeseño dos paneis fotovoltaicos para minimizar o seu impacto sobre o cultivo, analizar a viabilidade técnica, económica e ambiental das solucións implantadas e cuantificar a redución da pegada de carbono do produto final. O Grupo Operativo SOST4VID tamén promove a cooperación entre os distintos axentes do sector, a transferencia de coñecemento e a dixitalización do medio rural, contribuíndo ao cumprimento de varios obxectivos de desenvolvemento sostible, entre eles os relacionados coa produción responsable, a acción polo clima e as alianzas para acadar os obxectivos.
A xornada comezou coa benvida da Adegas As Laxas, seguida da presentación do proxecto por parte de MEDRAR, que deu a coñecer os seus obxectivos, os socios participantes e as principais actuacións desenvolvidas.
Posteriormente, ASAGA expuxo a importancia desta iniciativa para o futuro da viticultura, mentres que SOLTEC explicou o deseño e a implantación do piloto agrofotovoltaico e EVEGA presentou o seguimento agronómico realizado e os primeiros resultados obtidos.
O presidente de ASAGA, Paco Bello, destacou a importancia de participar neste tipo de iniciativas para impulsar a innovación no sector agrario. “Dende ASAGA queremos seguir formando parte de grupos operativos como SOST4VID porque entendemos que a innovación é fundamental para garantir o futuro do sector. As conclusións que poidamos extraer deste proxecto agardamos que sirvan ás adegas e aos viticultores como punto de partida para incorporar novas solucións e mellorar a súa competitividade”, sinalou.
Bello engadiu que “o traballo desenvolvido nestes proxectos supón un esforzo colectivo para marcar o inicio de novos camiños, favorecendo a transferencia de coñecemento e a aplicación práctica da innovación no territorio. O importante é que os resultados non queden no ámbito da investigación, senón que cheguen ao sector e teñan unha utilidade real para os profesionais”.
Tras as intervencións, os asistentes desprazáronse ata o piloto para coñecer de primeira man a instalación e asistir a unha demostración técnica guiada por SOLTEC e Adegas As Laxas, comprobando sobre o terreo o funcionamento desta tecnoloxía e a súa aplicación práctica no cultivo da vide.
A xornada concluíu cun viño ofrecido pola adega, favorecendo o intercambio de experiencias entre os socios do proxecto e os profesionais asistentes.
Con esta participación, ASAGA reafirma o seu compromiso coa innovación, a transferencia de coñecemento e o impulso de solucións sostibles que contribúan a construír un sector vitivinícola máis competitivo, resiliente e respectuoso co medio ambiente.




