A DO Ribeira Sacra inicia un proxecto de investigación que pretende transformar a maneira de traballar nos viñedos en pendente
A iniciativa, liderada por INNOVI e impulsada en Galicia por Adegas Moure, Evega e a DO Ribeira Sacra, recibirá 599.238,85 euros para transformar a viticultura heroica con intelixencia artificial e prácticas rexenerativas
O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou a resolución definitiva de concesión da convocatoria 2025 de axudas para Grupos Operativos Supraautonómicos da AEI-AGRI, no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC) 2023-2027. O proxecto PENVITIS+ —Viticultura intelixente e sostible para a adaptación climática e a mellora da calidade do viñedo en forte pendente— figura na resolución co expediente REGAGE25e00048336065 como proxecto número 29 dos aprobados, cunha subvención total de 599.238,85 euros.
Un proxecto pioneiro para a viticultura heroica española
PENVITIS+ nace da necesidade de preservar e modernizar a viticultura de forte pendente —tamén coñecida como viticultura heroica— en tres comunidades autónomas: Galicia, Canarias e Cataluña. Esta forma de cultivo, que se desenvolve en viñedos con pendentes superiores ao 30%, é recoñecida internacionalmente polo CERVIM como un patrimonio agrícola único, pero afronta serias ameazas: o cambio climático, o envellecemento do sector, a falta de relevo xeracional e o incremento de pragas e enfermidades fúnxicas.
O proxecto propón unha transformación integral do modelo produtivo mediante a introdución de tecnoloxías dixitais, algoritmos de intelixencia artificial para a predición de enfermidades, prácticas rexenerativas de solo e sistemas de automatización con drons, reducindo a carga física do traballo en viñedos de montaña e mellorando a calidade enolóxica do produto final.
Financiamento e estrutura do orzamento aprobado
A resolución definitiva, asinada o 14 de maio de 2026 pola Secretaría Xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria, establece os seguintes parámetros económicos para o proxecto:
Subvención total concedida: 599.238,85 euros
Custo total do proxecto: 599.238,85 euros (financiamento público íntegro)
Fondos FEADER (UE): 479.391,08 euros (80%)
Fondos AGE (Estado español): 119.847,77 euros (20%)
Número de expediente: REGAGE25e00048336065 · Proxecto nº 29 da convocatoria
O papel de Galicia: Adegas Moure e a DO Ribeira Sacra
A presenza galega no consorcio é decisiva. Adegas Moure, adega familiar con sede en Escairón (Lugo) e integrada na DO Ribeira Sacra, é un dos membros solicitantes do Grupo Operativo. Con 20 hectáreas de viñedo en produción —moitas delas en pendentes que acadan o 70%— a adega achegará as súas parcelas como parcelas piloto para ensaios de algoritmos de predición de enfermidades (tanto FITOVIT desenvolvido pola consellería de medio rural como os desenvolvidos en Canarias con intelixencia artificial), e tratamentos fitosanitarios con drons.
A DO Ribeira Sacra participa como entidade subcontratada, asumindo as tarefas de comunicación e difusión en Galicia e a organización de xornadas técnicas e visitas de campo no territorio. Toda a denominación está recoñecida como exemplo emblemático de viticultura heroica, con 1.200 hectáreas,1.700 viticultores e 96 adegas inscritas nas provincias de Lugo e Ourense.
O respaldo técnico galego achegará a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), que validará os modelos preditivos de enfermidades utilizados en Galicia e en Canarias na Ribeira Sacra, e avaliará a eficacia dos tratamentos con drons fronte aos métodos convencionais.
Obxectivos concretos e resultados esperados
O proxecto artéllase en torno a tres obxectivos específicos:
1. Calidade enolóxica: Mellorar o perfil de maduración da uva mediante cubertas vexetais e manexo da follaxe, reducindo nun 30% os efectos do golpe de calor e acadando un maior equilibrio entre azucres, acidez e pH.
2. Dixitalización preditiva: Implementar un sistema de algoritmos ou intelixencia artificial capaz de anticipar polo menos o 80% das incidencias de pragas e enfermidades, permitindo reducir o uso de fitosanitarios nun 30%.
3. Automatización: Reducir nun 30% o tempo de traballo manual en tarefas fitosanitarias mediante o uso de drons adaptados ás condicións de pendente.
Un consorcio supraautonómico de primeiro nivel
O Grupo Operativo PENVITIS+ reúne doce entidades de Galicia, Canarias e Cataluña. INNOVI (clúster vitivinícola catalán) actúa como representante do consorcio, mentres que os socios solicitantes son a DOP Illas Canarias (AVIBO), o CR DOQ Priorat, Adegas Moure e Celler Mas Doix.
Como entidades subcontratadas participan a DO Ribeira Sacra, Bodegas Viñátigo, os centros de I+D INCAVI (Cataluña), AGACAL-EVEGA (Galicia) e ICCA (Canarias), a axencia de comunicación GALA Media e a consultora Zabala Innovation.
Calendario de execución
O proxecto desenvolverase en dúas fases que abranguerán tres campañas de vendima consecutivas: a Fase 1 (novembro 2025 – outubro 2027, campañas 2026 e 2027) e a Fase 2 (novembro 2027 – abril 2029, campaña 2028). A duración total é de algo máis de tres anos.
“PENVITIS+ supón un recoñecemento á aposta da D.O. Ribeira Sacra pola innovación e a sostibilidade. A resolución definitiva permítenos arrancar con toda a enerxía este proxecto que vai transformar a maneira de traballar nos viñedos en pendente da Ribeira Sacra.” Antonio Lombardía presidente da D.O Ribeira Sacra



