Terras Gauda converte o bagazo da uva en fertilizante para pechar o ciclo do viño
A adega do Rosal desenvolve con investigadores da Universidade de Vigo e a chilena Concha y Toro un sistema que transforma os residuos da vinificación en vermicompost e bioestimulantes para o viñedo

Bodegas Terras Gauda avanza na aplicación da economía circular ao sector vitivinícola a través do proxecto REBIOVINES, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Universidade de Vigo e que conta coa cooperación da adega chilena Concha y Toro. O proxecto busca aproveitar o bagazo xerado durante a elaboración do viño para convertelo en produtos destinados á propia viña, reducindo así o emprego de fertilizantes minerais de maior impacto ambiental.
A iniciativa parte da transformación do bagazo en vermicompost mediante procesos de valorización dos subprodutos da vinificación. A partir deste material obtéñense tamén formulacións solubles de «Té», que poden aplicarse directamente a través do sistema de rega por goteo. Segundo os responsables do proxecto, os ensaios realizados durante tres campañas demostraron melloras tanto no solo como nas plantas e na produción de uva.
O director enolóxico de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas, explica que os ensaios se desenvolveron tanto con albariño vello como con caíño novo, co obxectivo de comprobar o comportamento das aplicacións segundo a variedade e a idade das cepas. Os resultados apuntan a unha mellora da microbiota do solo e a un incremento da produción dentro dos parámetros de rendemento que caracterizan a adega.
As probas tamén detectaron cambios nas características do viño. Nas parcelas tratadas co «Té», os viños presentaron menos ácido málico e un perfil considerado máis amable nas catas cegas realizadas polo equipo. Na campaña máis recente, os investigadores incorporaron novos bioestimulantes elaborados a partir do vermicompost e estudan formatos que faciliten a súa aplicación, entre eles os pellets.
Terras Gauda puxo en funcionamento o primeiro vermirreactor de bagazo, capaz de transformar preto de 100.000 quilos deste subproduto en arredor de 40.000 quilos de vermicompost
A colaboración con Concha y Toro engade unha dimensión internacional ao proxecto. A cooperación entre Galicia e Chile permite comparar os resultados obtidos en dous hemisferios con ciclos vexetativos separados aproximadamente seis meses. Isto facilita testar as solucións en diferentes épocas do ano e analizar o seu comportamento ante distintos solos, condicións hídricas e situacións climáticas.
O proxecto internacional conta co aval do Selo EUREKA, que recoñece a súa viabilidade técnica e o potencial impacto ambiental positivo. Pola parte galega, a investigación dá continuidade a traballos iniciados hai anos coa Universidade de Vigo. En 2021, Terras Gauda puxo en funcionamento o primeiro vermirreactor de bagazo, capaz de transformar preto de 100.000 quilos deste subproduto en arredor de 40.000 quilos de vermicompost.
A iniciativa reforza así a aposta de Terras Gauda pola I+D+i e por unha viticultura máis sostible, ao converter un residuo da actividade produtiva nun recurso útil para o propio viñedo.



