ECOSPHEREWINES destaca o papel da infraestrutura verde para avanzar cara a unha viticultura sostible en Galicia

Este proxecto europeo, liderado pola Fundación Juana de Vega, aposta por integrar natureza, ciencia e tradición na xestión da paisaxes vitícola da IXP Betanzos, onde se localizada a zona experimental na nosa comunidade.

Os socios galegos do proxecto ECOSPHEREWINES organizaron hoxe durante toda a mañá a xornada “Infraestrutura verde na viticultura do territorio da IXP Betanzos” durante a que, a través de diferentes voces de expertos, se falou sobre novos conceptos como a mencionada infraestrutura verde, servizos ecosistémicos, solucións baseadas na natureza, capital natural ou biodiversidade para constatar como a viticultura pode avanzar cara a modelos máis sostibles e rexenerativos, integrando natureza, ciencia e tradición.

O programa incluiu charlas técnica e cata comentada de variedades da IXP Betanzos que materializan esta nova forma de entender a paisaxe. A visita a campo, suspendida a causa da choiva, substituíse por unha presentación audiovisual.

A benvida correu a cargo de José Manuel Andrade, director Fundación Juana de Vega; Sergio Platas, vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e alcalde de Paderne; e Maite Maestre, coordinadora da Asociación “Vinos de las IGPs de Galicia”.

A continuación, Alfonso Ribas, director da área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega fixo un resumo do traballo realizado ata o momento no marco do proxecto ECOSPHEREWINES: Mellora de servizos ecosistémicos e infraestrutura verde en zonas vitícolas de alto valor ecolóxico que, a continuación, se foi detallando nas exposicións do resto dos socios, Ribas destacou que “este proxecto é un exemplo de como as solucións baseadas na natureza, como as cubertas vexetais, a recuperación de socalcos e das zonas húmidas, poden transformar os viñedos en espazos máis sostibles, vivos e conectados con territorio”.

Nicolás Ron, técnico da Reserva de Biosfera, centrou a súa exposición en como a infraestrutura verde pode mellorar a biodiversidade e a conectividade ecolóxica. Pola súa banda, Vanessa Alvárez, investigadora do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña centrouse no traballo que están realizando con coberturas vexetais e acolchados para mellorar as condicións edáficas dos solos dos viñedos na parcela experimental da Picha, en Paderne.

Outras solucións baseadas na natureza (SBN) que se están a aplicar nesta parcela son a recuperación dos socalcos tradicionais de pedra seca e das zonas húmidas, como o bosque de ribeira e a charca da contorna,, co obxectivo de favorecer a biodiversidade. Tamén se está proxectando un bosque comestible, destinado a aproveitar de maneira sostible outros recursos deste ecosistema. Ademais, lévase a cabo a restauración da fonte que dá nome ao lugar, “A Picha”, considerada un ben patrimonial de grande valor.

Voces convidadas para entender un novo contexto

Para entender mellor a importancia que un solo vivo e san ten na viticultura sostible e no valor engadido que se achega ao produto final, contouse con outras dúas ponencias para completar o programa. Por unha banda, Andrés Rodríguez, investigador da Universidade de Vigo, presentou os avances preliminares do proxecto BIOservicES sobre o estudo da biodiversidade nos solos de viñedo na DOP Ribeiro. Jorge Vega, de Bodegas Puerta del viento (D.O Bierzo) falou de que máis aló das etiquetas, os viños ecolóxicos representan unha nova forma de entender as paisaxes vitícolas.

O evento finalizou cunha cata comentada de viños de Betanzos a cargo de Luís Sande, propietario da adega Pagos de Brigante (IXP Betanzos).

Que é ECOSPHEREWINES?

O proxecto ECOSPHEREWINES  ten por obxectivo mellorar o ecosistema de viñedos situados en zonas de alto valor ecolóxico a través da implementación dunha rede de infraestrutura verde para a súa conservación e xestión sostible. É dicir, poñerase en marcha un sistema planificado e interconectado de elementos naturais en zonas vitícolas para mellorar o capital natural e a biodiversidade dos viñedos, aumentando así a súa resiliencia fronte ao cambio climático e os servizos proporcionados polos ecosistemas.

Para abordar este reto, o proxecto apóiase tecnicamente en catro zonas experimentais localizadas no sur de Francia e en España e Portugal. En Galicia, o piloto está localizado na Adega Pagos de Brigante en Paderne, en plena Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

ECOSPHEREWINES conta cun orzamento de máis de 1,6M€ cofinanciado nun 75% polo programa europeo Interreg Sudoe. Os socios de Galicia son a Fundación Juana de Vega, que ademais é entidade coordinadora, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, o CICA – Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, e a adega Pagos de Brigante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *