A Estación de Areeiro avanza na loita contra o fungo que causa o murchamento da flor da camelia
Areeiro investiga as aplicacións que melloran a resistencia ao fungo Ciborinia camelliae, causante do principal problema fitosanitario das camelias ornamentais
A caracterización da interacción planta-patóxeno e do desenvolvemento de técnicas de mellora xenética do xénero Camellia son as liñas de investigación que seguen en Areeiro. O estudo profunda nos fundamentos biolóxicos da interacción entre o fungo Cibirinia camelliae e plantas do xénero Camellia. Utiliza a mellora xenética como recurso para a obtención de flores pouco ou nada susceptibles ao ataque deste fungo altamente especializado.
O deputado provincial Jorge Cubela constatou os avances nunha comisión de seguimento do proxecto que se impulsa desde o centro en colaboración coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Vigo. O obxectivo é impulsar aplicacións biotecnolóxicas que permitan obter resistencia ao fungo, causante do principal problema fitosanitario das camelias ornamentais a nivel mundial.
En Areeiro trabállase para identificar xenes candidatos da virulencia no fungo e xenes de resistencia na planta. Ademais, o centro dependente da Deputación desenvolve unha metodoloxía para estudar a función e o efecto de diferentes xenes sobre a susceptibilidade ao ataque do fungo. Esta investigación leva en activo dende 1999, cando se detectou por primeira vez na provincia o fungo. Desde entón, Areeiro proba diferentes estratexias para tentar controlar a enfermidade. Ante a ausencia de efectividade das alternativas aplicadas até o momento, desde o centro traballan na investigación e mellora xenética como recurso para obter flores pouco ou nada susceptibles ao ataque de Cibirina camelliae.