“O cultivo do chícharo permite pechar o ciclo da proteína dentro do territorio galego, reducindo importacións e pegada ambiental”
Entrevista a Lucio García, xefe de investigación agronómica no Centro Tecnolóxico da Carne, entidade que forma parte do proxecto GUIPROGAL co que buscan variedades de chícharos como fontes de proteínas para pensos e alimentos

Lucio García, investigador do CETECA. Foto: Cedida
O proxecto GO GUIPROGAL é unha iniciativa pioneira en Galicia que busca variedades de chícharo adaptadas localmente para aumentar a resiliencia ás condicións ambientais cambiantes, como fonte de proteínas para pensos e alimentos. Esta investigación desenvolverase ata decembro de 2026.
Entre as entidades que forman parte do mesmo atópase o Centro Tecnolóxico da Carne, representado por Lucio García, xefe de investigación agronómica. Nesta entrevista relata cales son os obxectivos principais e como levarán a cabo a investigación.
O Centro Tecnolóxico da Carne é unha das entidades que participan no Grupo Operativo GUIPROGAL. Que destacarías dos aspectos innovadores que achega este proxecto?
GUIPROGAL é un proxecto cun enfoque integral e innovador que aborda toda a cadea de valor do chícharo proteaxinoso, desde a recuperación e valorización de variedades autóctonas adaptadas ás condicións edafoclimáticas de Galicia ata a súa aplicación en alimentación humana e animal.
Está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e xestionadas pola Consellería do Medio Rural no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Cun orzamento total de 139.556,94 € (100% subvencionado), GUIPROGAL está integrado por un equipo multidisciplinar formado por Axiña Asesoramento Rural Integral S.C.G., Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), Almacenes Gamallo S.L. e Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), contando ademais co gandeiro Javier Sabín como entidade cooperante. Esta estrutura colaborativa permite combinar coñecemento científico, experiencia agronómica, capacidade técnica e impulso empresarial, garantindo unha transferencia eficaz dos resultados ao sector produtivo galego.
A innovación está na posta en valor de variedades autóctonas de chícharo para o cultivo, para iso combínanse os coñecementos agronómicos, nutricionais e tecnolóxicos para crear produtos reais como pensos, fariñas, hummus e conservas, que acheguen unha alternativa local e sostible ás leguminosas importadas.
“O proxecto GUIOPROGAL introduce o concepto de proteína vexetal de proximidade, que contribúe á sustentabilidade ambiental e económica presente e futura do sistema agroalimentario galego”
O proxecto introduce o concepto de proteína vexetal de proximidade, que contribúe á sustentabilidade ambiental e económica presente e futura do sistema agroalimentario galego. Nas próximas décadas prevese que aumente a demanda de proteína para satisfacer as crecentes necesidades da industria alimentaria e dos pensos. Entre os obxectivos xerais do proxecto GUIPROGAL está o de diversificar a oferta de proteína en Galicia, mellorar a sustentabilidade dos sistemas agroalimentarios e reducir a dependencia da soia importada, apostando por unha proteína vexetal de proximidade e alto valor engadido.
Cales son os traballos que realizou e que prevé acometer o CETECA dentro do GO GUIPROGAL?
O CETECA coordina as actividades de caracterización nutricional do chícharo proteaxinoso, o desenvolvemento de prototipos alimentarios para consumo humano e a formulación de pensos para tenreiros de cebo.
A nosa participación céntrase en estudar o valor nutricional das variedades autóctonas, o seu comportamento tecnolóxico en transformación e a súa aplicabilidade en diferentes produtos.
Durante o desenvolvemento das actividades desta anualidade realizáronse ensaios agronómicos na finca experimental do CETECA, situada na comarca da Limia, onde se sementaron as sete variedades de chícharo proteaxinoso seleccionadas.
Esta leira, de máis de sete hectáreas, permite reproducir condicións reais de cultivo e estudar a resposta de diversos cultivos a situacións climáticas cambiantes, propias do contexto galego.

En paralelo, nos laboratorios do centro, realizáronse as análises nutricionais completas en todas as variedades, para determinar o seu valor nutricional e tecnolóxico, con especial atención ao contido en proteína e o seu perfil de aminoácidos, con resultados que mostran niveis proteicos de entre o 24 e o 28%. Así mesmo, efectuáronse avaliacións da calidade física do gran (peso específico, tamaño, densidade, peso de mil grans).
Actualmente traballamos no deseño de prototipos de fariñas, humus/paté e conservas de chícharo, aproveitando a infraestrutura da sala de transformación alimentaria do CETECA.
En paralelo, están a desenvolverse formulacións de penso para tenreiros, con inclusións progresivas de chícharo, formuladas de maneira isoproteica e isoenerxética respecto ao penso convencional do grupo control. Na seguinte fase do proxecto prevese avaliar o comportamento do gando, a calidade da carne, así como a vida útil e aceptación sensorial dos produtos desenvolvidos para consumo humano.
O chícharo destaca polo seu alto contido proteico (24–28%), o seu bo equilibrio de aminoácidos esenciais e a súa alta dixestibilidade
Por que o chícharo é interesante como fonte proteica tanto para a alimentación humana como animal?
O chícharo destaca polo seu alto contido proteico (24–28%), o seu bo equilibrio de aminoácidos esenciais e a súa alta dixestibilidade. Achega niveis elevados de lisina, treonina e isoleucina, e só require complementar metionina e cisteína para alcanzar un perfil proteico completo.
Ademais, é unha leguminosa de ciclo curto que pode cultivarse en Galicia sen necesidade de rega, mellorando a fertilidade do chan grazas á súa capacidade de fixar nitróxeno atmosférico. O seu aproveitamento local permite pechar o ciclo da proteína dentro do territorio galego, reducindo importacións e pegada ambiental.


Por tanto, o chícharo autóctono representa unha alternativa sostible e rendible tanto para a alimentación humana, en forma de fariñas, patés ou produtos vexetais, como para a formulación de pensos destinados ao gando.
No caso da alimentación animal, que cualidades diferenciadoras presenta en comparación coa soia ou coa colza?
Fronte á soia importada, o chícharo ofrece unha proteína local, trazable e con menor pegada de carbono, ademais dunha maior dixestibilidade do amidón e a materia orgánica. Aínda que a soia continúa sendo unha referencia polo seu alto valor proteico e o seu excelente equilibrio de aminoácidos, o chícharo pode supoñer un substituto interesante tendo en conta a súa achega proteica e enerxética equilibrada e o seu bo perfil de aminoácidos, facilmente mellorable coa suplementación con metionina.
Fronte á soia importada, o chícharo ofrece unha proteína local, trazable e con menor pegada de carbono, ademais dunha maior digestibilidad do amidón e a materia orgánica
Desde o punto de vista nutricional, o chícharo contén máis factores antinutricionais que a soia, pero considerablemente menos que a colza, o que o sitúa nunha posición intermedia. Estes compostos poden reducirse eficazmente mediante tratamentos térmicos, extrusionado ou ensilaxe, sen comprometer a calidade nutricional do produto.
En comparación coa colza, o chícharo presenta mellor palatabilidade, maior dixestibilidade e unha achega enerxética superior. Con todo, ambas as materias primas son complementarias, xa que a colza pode contribuír a equilibrar o perfil de aminoácidos do chícharo, especialmente en metionina e cisteína.
E a nivel de calidades da carne, que características achega a alimentación do gando con chícharos?
As investigacións dispoñibles apuntan a que a inclusión do chícharo na dieta de tenreiros non só mantén o rendemento produtivo, senón que pode mellorar a calidade nutricional e organoléptica da carne.
En concreto, observouse unha redución do contido de ácidos graxos saturados (AGS) e un incremento dos monoinsaturados (AGMI), o que se traduce nunha carne máis saudable e con mellor perfil lipídico.
O chícharo, ademais, contribúe a mellorar a eficiencia dixestiva grazas ao seu amidón de fácil aproveitamento e á súa proteína de alta dixestibilidade, favorecendo unha conversión alimentaria máis eficiente e un desenvolvemento uniforme dos animais.
Recentemente Antía Vázquez Rodríguez, técnica de proxectos de I+D+i no CETECA, presentou nun webinar organizado polo grupo operativo os primeiros resultados do estudo de variedades autóctonas de chícharo. Que nos pode avanzar respecto diso?
Este ano foi climatolóxicamente moi atípico, cun inverno e primavera marcados por episodios prolongados de encharcamiento seguidos de tres vagas de calor consecutivas durante o verán. Estas condicións extremas teñen afectado notablemente ao desenvolvemento do cultivo, polo que os resultados de campo deben considerarse preliminares, aínda que achegan información moi valiosa sobre a resiliencia e comportamento agronómico de cada variedade.
Aínda así, os ensaios confirman que existen variedades locais con gran potencial. En campo, PSM0127 foi a de maior rendemento e estabilidade, mentres que PSM0061 destacou pola súa alta densidade de gran e bo perfil proteico. En laboratorio, a variedade PSM0277 chícharo da cova presentou o perfil de aminoácidos máis equilibrado, o que a converte nunha candidata idónea para alimentación humana e produtos de alto valor engadido.

Que potencial considera que ten o emprego do chícharo como fonte proteica e que factores cre que poden estimular o seu emprego en Galicia e en España?
O potencial do chícharo como fonte proteica en Galicia é moi elevado, xa que a comunidade reúne condicións agroclimáticas óptimas para o seu cultivo como é o clima tépedo e húmido, solos fértiles e unha longa tradición en rotacións forraxeiras.
A introdución do chícharo autóctono nos sistemas produtivos permitiría diversificar as fontes de proteína vexetal, reducir a dependencia da soia importada e fortalecer a economía agraria local mediante o aproveitamento de recursos propios. Ademais, factores como a crecente demanda de proteínas sostibles, o interese do consumidor por produtos de orixe local e baixa impacto ambiental, a dispoñibilidade de variedades autóctonas adaptadas e o apoio institucional de programas como FEADER e PEPAC reforzan o potencial do chícharo como un cultivo estratéxico.

Este proxecto está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total do proxecto: 139.556,94€ Subvención:139.556,94€



