O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia elabora o primeiro aceite con variedades autóctonas

A cata técnica foi realizada por alumnado do IES O Ribeiro, onde se imparte un ciclo formativo sobre esta rama.

Nos laboratorios da Misión Biológica de Galicia (CSIC), socia do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, elaborouse o primeiro aceite coa primeira colleita de olivas producidas polos exemplares das 11 variedades autóctonas plantadas na parcela experimental da Misión Biológica en Pontevedra. Nesta primeira proba, traballouse con pequenas cantidades de olivas de diferentes variedades co equipo OLIMAKER, que permite facer micro elaboracións de aceite. A noticia faise pública coincidindo co Día Mundial da Oliveira.

Esta efeméride foi proclamada pola UNESCO en 2019 e celébrase cada ano o 26 de novembro. O obxectivo é fomentar a protección desta árbore milenaria e os valores que representa co fin de apreciar o seu importante significado social, cultural, económico e ambiental para a humanidade.

Para as catas técnicas destas probas, o consorcio do GO Oliveiras de Galicia solicitou a colaboración do IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense). Ata a sede da MBG desprazouse un equipo formado pola profesora Liliana Lafuente Acuña e dous estudantes do ciclo formativo Grao Medio Aceites de Oliva e Viños.

Nun futuro, a MBG prevé volver colaborar co centro educativo para que o alumnado poida facer as súas prácticas formativas e participar neste estudo sobre as oliveiras autóctonas, ademais de seguir realizando as catas técnicas de próximas colleitas.

Que é o GO Oliveiras de Galicia?

O consorcio do GO Oliveiras de Galicia está integrado pola Fundación Juana de Vega (beneficiario principal), a Misión Biológica de Galicia (MBG -CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra). A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural é colaborador externo e o laboratorio Cultigar, entidade subcontratada.

O traballo do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia comezou o 1 de setembro de 2023 e prolongarase ata o 30 de setembro de 2026 co obxectivo de optimizar técnicas de estaca clásica e micropropagación in vitro para a multiplicación a grande escala de 11 variedades únicas de oliveiras (Brava galega e Mansa galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Maruxiña, Susiña, Hedreira, Xoana e Santiagueira). Ademais, esta investigación aplicada tamén busca sentar as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións experimentais situadas en diferentes puntos de Galicia.

Prevese que os resultados acadados supoñan un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas, ademais de permitir a transferencia de coñecemento á cadea de valor do oliveiral galego para dar resposta ao elevado interese por este cultivo.

O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia representa un paso máis na recuperación do oliveiral galego e das súas variedades. A primeira investigación iniciouse en 2012 da man do grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) da Misión Biolóxica de Galicia no marco do proxecto Inngal-Agromarsalud GAliat 6+7, financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).
Despois, o estudo continuou entre 2017 e 2023 co apoio da Fundación Juana de Vega, que achegou uns 350.000€ procedentes de fondos propios da entidade.
Na actualidade, os traballos continúan a través deste Grupo Operativo Oliveiras de Galicia financiado con 179.652,68€ na convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas á súa vez co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.

Das once variedades estudadas no marco deste Grupo Operativo, dúas delas (Brava Galega e Mansa Galega) están inscritas no Rexistro de Variedades de Conservación e tres, Carapucho, Carmeliña e Maruxiña, figuran no Registro de Variedades Comerciales do MAPA (BOE, 17/12/2024).

O resto das variedades están, actualmente, en proceso de rexistro. A elaboración deste primeiro aceite suma outro fito no estudo do oliveiral galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *