O proxecto SUS-SOIL perfecciona a medición das capturas de carbono nos solos

A iniciativa, na que participa o Campus Terra da USC, desenvolveu ferramentas que permiten cuantificar con fiabilidade a cantidade de gases que se capturan nos solos agrarios. Os participantes sinalan que servirán para xerar confianza nos mercados internacionais de carbono

A profesora da USC Rosa Mosquera presentou os principais resultados do grupo de traballo “Cultivos e Uso do Territorio”, do que é coordinadora e que implican a máis de 60 membros en todo o mundo. Mosquera deu conta dos avances obtidos nos proxectos SUS-SOIL, AF4EU e GREENCCOP.

AF4EU consta de ferramentas de xestión para facilitar a transición dos sistemas agrícolas e forestais a sistemas agroforestais e de mellora dos servizos de extensión agraria en Europa. Respecto do SUS-SOIL, presentáronse as métricas desenvolvidas para a cuantificación de secuestro de carbono nos solos, algo que se considera de grande relevancia para xerar confianza no mercado mundial de carbono.

Por canto a GREENCOOP explicouse como se estableceron en 15 países Europeos e en China demostradores agroecolóxicos e dixitais para facilitar que as comunidades de gandeiros, agricultores e forestais adopten prácticas de forma colaborativa e comunitaria para mitigar o cambio climático e fomentar a adaptación dos seus sistemas ao cambio climático.

As iniciativas foron comparadas con outros proxectos ubicados en diferentes países de America latina, Asia e Africa. Concluiuse que debe priorizarse a estandarización e confianza no mercado de carbono, a ecointensificación vencellada ao uso do territorio e as prácticas que permitan mitigar o cambio climático dende a agricultura incrementando a biodiversidade, reducindo o ataque de pragas e enfermidades e o uso de biocidas, mellorando a sustentabilidade dos sistemas agrarios.

A USC participa nunha alianza de 69 países para a investigación sobre a mitigación dos efectos do cambio climático

Rosa Mosquera estivo acompañada polos doutores Francisco Javier Rodríguez Rigueiro, José Javier Santiago Freijanes e Marisa Tello Mariscal do INIA-CSIC do Ministerio de Ciencia e Innovación na reunión número 14 da Alianza Global para la Investigación (GRA) sobre os gases de efecto invernadoiro en agricultura.

GRA é unha alianza composta polos ministerios de agricultura de 69 países de todo o mundo con voz no IPCC (Panel Intergubernamental para o Cambio Climático) que promove o apoio da investigación como forma de mellora das políticas nacionais destinadas a mitigar o cambio climático. O evento tivo lugar na sede do Instituto Interamericano de Cooperación para a Agricultura en San José, Costa Rica.

De forma particular, invitouse formalmente a Rosa Mosquera a participar no proxecto “Integración de sistemas produtivos como estratexia para a mitigación e adaptación ao cambio climático” co obxecto de establecer sinerxias con SUS-SOIL no que colaboran Chile, Uruguay, Arxentina, Brasil e República Dominicana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *