O proxecto SUS-SOIL arranca en Lugo para determinar a saúde dos solos e a súa sustentabilidade

Unha iniciativa dirixida pola catedrática Rosa Mosquera, que busca analizar os solos dende múltiples perspectivas e propoñer prácticas agroecolóxicas máis sostibles

Rosa Mosquera durante a xuntanza de lanzamento do proxecto SUS-SOIL. / Campus Terra.

O Campus de Lugo acolleu a xuntanza de lanzamento do proxecto SUS-SOIL, unha iniciativa que ten como obxectivo estudar a saúde dos solos e determinar o seu grao de sustentabilidade. Liderado pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (EPSE), o proxecto está financiado con sete millóns de euros e enmárcase dentro do programa Horizonte Europa. A través de SUS-SOIL, crearase unha base de datos do subsolo, apoiada por unha rede de traballo na que participan profesionais de distintos ámbitos como a agricultura, gandaría, eido forestal e concellos, entre outros.

Nesta xuntanza participaron tamén membros da FAO e do Joint Research Centre da Comisión Europea, así como representantes do proxecto ‘Deep Horizon: soil deal for Europe’, liderado pola Universidade de Lovaina e tamén dotado con sete millóns de euros. Esta colaboración pretende fomentar a sinerxía e o intercambio de coñecemento entre os diferentes equipos investigadores.

Mª Rosa Mosquera Losada, catedrática do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría e coordinadora do grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da USC, está á fronte dun consorcio que integra 25 entidades de quince países diferentes. Xunto a ela, participa tamén o equipo da catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, Esperanza Álvarez Rodríguez. Entre as institucións participantes figuran a USC, Feuga, Goberno de Murcia e UDC como representantes do Estado español.

SUS-SOIL permitirá analizar a saúde dos solos desde diferentes perspectivas e axudará a ampliar a información sobre a presenza de residuos potencialmente nocivos para o medio ambiente e mesmo tóxicos, como ocorre en casos de alta concentración de antibióticos. Ademais, o proxecto avaliará prácticas de xestión agroecolóxica desenvoltas en distintos territorios, co fin de validar o seu grao de éxito ou propoñer alternativas para a súa mellora.

Durante a xuntanza, presentouse o proxecto e leváronse a cabo sesións dedicadas á rede de xestión do subsolo agroecolóxico; a recompilación e harmonización de bases de datos do subsolo a partir de infraestruturas sinérxicas; experimentos sobre a saúde do solo; uso e xestión da terra; e as interaccións entre solo, cambio climático e biodiversidade. Pola tarde, os participantes abordaron a avaliación da sustentabilidade dos servizos ecosistémicos do subsolo, o vínculo entre bioeconomía e macroeconomía, e o desenvolvemento dunha plataforma de base de datos.

Un proxecto de especial interese para Galicia

O proxecto tamén se centrará na capacidade dos solos para absorber carbono, unha liña de traballo de especial interese para Galicia “dadas as características singulares que presentan os solos da comunidade galega”, segundo explicou Rosa Mosquera. A coordinadora do proxecto destacou ademais a implicación dos participantes para propor mecanismos que favorezan a sustentabilidade dos solos. Tamén indicou que os traballos realizados poderán servir para desenvolver mecanismos para monetizar o carbono almacenado nos solos.

Finalmente, Mosquera subliñou que a concesión deste programa ao Campus Terra da USC reforza a pertinencia deste campus de especialización, dado que aborda unha temática plenamente aliñada coas liñas estratéxicas do mesmo.

Comments are closed.