A USC converterá Lugo no principal foro de encontro sobre valorización de residuos, agricultura circular e saúde do solo
Desenvolverase os días 22 e 23 de setembro na EPSE
O departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, a través do Campus Terra, organizará os días 22 e 23 de setembro en Lugo AGROVALOR 2026, unhas xornadas de transferencia que reunirán persoal investigador, empresas, cooperativas, administracións públicas, centros tecnolóxicos e entidades de desenvolvemento rural para abordar algúns dos grandes desafíos actuais da agricultura e da xestión de residuos. O encontro mantén o prazo de inscrición aberto.
O encontro, que se celebrará na Escola Politécnica Superior de Enxeñería, xurde no marco dos proxectos AGRORES e AGROMANURE, e nace co obxectivo de achegar investigación e práctica, promovendo o intercambio de coñecemento e a colaboración entre os diferentes axentes implicados na xestión dos recursos. Ao longo de dúas xornadas analizaranse cuestións de máxima actualidade como a valorización de residuos orgánicos, os biofertilizantes, a saúde do solo, a innovación tecnolóxica, o cambio climático e os novos retos normativos que condicionarán o futuro do sector.
Máis alá do seu programa, AGROVALOR 2026 aspira a consolidarse como un espazo de referencia para impulsar a cooperación entre ciencia, empresa e administración, favorecendo a creación de novas alianzas, proxectos colaborativos e iniciativas con impacto directo sobre o territorio.



