Agropurín, Valnason e Menatodo-screen gañan o IV Foro de Innovación
O Comité Avaliador tamén distinguiu os paneis doutras tres iniciativas dentre as vinte que se mostraron no evento
Os proxectos Agropurín, un sistema modular de vermixestión de xurros para a súa valorización como fertilizante; Valnason, unha valorización da nata de soro mediante a produción de manteiga premium; e Nematodo-screen, un infravermello “cercano” para seleccionar por susceptibilidade ao nematodo, foron os merecedores dunha mención especial no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario.
A escolla destes proxectos baseouse en diferentes criterios vencellados a cuestións como o ámbito territorial da iniciativa, a problemática á que pretende dar resposta, a súa aplicabilidade ao sector produtivo do rural galego ou os obxectivos acadados en comparación coa expectativa inicial, entre outros.
O Comité Avaliador tamén elixiu os tres mellores paneis que foron expostos durante a celebración do IV Foro. Así foron acredores dun recoñecemento os proxectos Apixen, unha iniciativa que busca impulsar a apicultura sostible e a modernización do sector incorporando novas tecnoloxías; Revalorización da horta ecolóxica cara a alimentos minimamente procesados e Bioproinsect, que trata sobre o bioprocesado de insectos para a obtención de produtos de valor engadido.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo presente na entrega de diplomas aos proxectos seleccionados da vintena de iniciativas presentadas no Pazo de Quián. Os proxectos innovadores estaban relacionados con diversos eidos do sector agrario, dende o lácteo ao vitivinícola, pasando polas razas autóctonas ou os produtos ecolóxicos. Este evento serviu para dar a coñecer os principais resultados das iniciativas presentadas, que se financiaron ao abeiro das axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías de 2021 e que se finalizaron no pasado ano.