Bioga impulsa o control sostible de pragas urbanas co proxecto Ecopest Tech II

A iniciativa, financiada con 400.000 euros polo Ministerio de Industria e Turismo, busca reducir o uso de biocidas nos contornos urbanos

Imaxe de arquivo.

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) participa no proxecto Ecopest Tech Solutions II, coordinado polo Clúster onTech Innovation. Esta iniciativa pretende revolucionar o control de insectos e roedores nas cidades mediante o uso sostible de biocidas, co obxectivo de crear contornos urbanos máis saudables e respectuosos co medio ambiente.

Ecopest Tech II forma parte do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) e está financiado polo Ministerio de Industria e Turismo con 400.000 euros. Nesta segunda fase, o proxecto traballa no desenvolvemento de tecnoloxías para aplicar biocidas de forma máis eficiente, reducindo a exposición humana e animal a produtos químicos.

Bioga, presidido por José Manuel López Vilariño, foi acreditado como Agrupación Empresarial Innovadora en 2023. Neste proxecto, achega a súa experiencia en comunicación. “Trátase dun proxecto ambicioso que trata de mellorar a calidade de vida dos habitantes das cidades”, afirma López Vilariño.

“Desde Galicia poremos á disposición todos os nosos activos, o noso talento, os nosos recursos e as nosas ferramentas para buscar e atopar solucións que aposten polo uso intelixente dos biocidas nas ciudades”, engade.

O consorcio tamén o forman Athisa Medioambiente, Nazaríes Intelligenia, Cactus e a Fundación Medina, con perfís complementarios en medio ambiente, biotecnoloxía, coñecemento e comunicación.

Entre os seus avances, destacan ferramentas como sistemas de monitoreo dixital e algoritmos de predición, que permitirán aplicar tratamentos só onde e cando sexa necesario. Isto evitará a dispersión de biocidas, minimizando os riscos para persoas e animais.

O proxecto cumpre co Regulamento UE 528/2012, que esixe un uso máis seguro e avaliado destas substancias. Ecopest Tech II supón un paso decisivo cara a cidades máis saudables, onde a tecnoloxía se pon ao servizo do benestar colectivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *