“Cada copa de viño pode ser un xesto de compromiso coa terra, a paisaxe e as persoas”

Conversamos con Juan José Villaverde, científico titular do CSIC e coordinador do proxecto Soil&WineResidues

Soil&WineResidues é o primeiro proxecto do programa Interreg SUDOE coordinado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e reúne 15 socios de España, Francia e Portugal, xunto a 92 entidades asociadas. A investigación, liderada polo grupo de Bioquímica e Calidade de Solos en Santiago, aposta por valorizar os residuos do viñedo mediante biorrefinaría in situ para rexenerar solos, reducir agroquímicos e promover unha viticultura circular. Conversamos co Dr. Juan José Villaverde, científico titular do CSIC e coordinador do proxecto, sobre os retos do solo vitivinícola, as oportunidades que ofrece a biotecnoloxía e o futuro do viño sustentable en Galicia e Europa.

– Cal foi o punto de partida ou diagnóstico que motivou a creación do proxecto Soil&WineResidues?
– O punto de partida do proxecto Soil&WineResidues foi a necesidade de dar resposta a un dobre diagnóstico no sector vitivinícola. Por unha banda, a enorme cantidade de residuos xerados neste sector, tales como raspón, bagazo, follas, ramas e froitos descartados. Por outra banda, ao aproveitamento pouco ecoeficiente que se está a facer dos mesmos.

Ante esta situación, o proxecto xorde como unha solución innovadora que busca valorizar eses residuos vitivinícolas in situ, é dicir, sen desprazamento a unha planta de tratamento, a través da combinación de varios enfoques tecnolóxicos que permitirán, por exemplo, converter os residuos vitivinícolas en emendas orgánicas bioactivas capaces de mellorar a saúde e calidade do solo, ou desenvolver produtos comercializables a partir deses residuos (ex. bioenerxía, bioplásticos ou extractos ricos en compostos bioactivos para aplicacións alimentarias, cosméticas ou farmacéuticas).

A idea é aproveitar os residuos vitivinícolas ‘in situ’, para emendas orgánicas, e tamén para produtos comercializables (extractos, elaboración de bioplásticos)

– Por que se escolleu o sector vitivinícola como ámbito de actuación?
– Escolleuse o sector vitivinícola porque é un sector estratéxico de gran valor engadido que ten un gran impacto a nivel económico, cultural e social, habitualmente en zonas con risco potencial de despoboamento e envellecemento e xa non só na zona SUDOE onde actúa Soil&WineResidues, senón tamén no resto da Unión Europea.

– Cales son as principais ameazas que afronta actualmente o solo vitivinícola en Europa e, concretamente, no suroeste europeo?
– Esta é unha das principais preguntas ás que queremos dar resposta ao termo do proxecto Soil&WineResidues. Durante a primeira etapa do proxecto avaliaremos o estado dos solos vitivinícolas en 3 zonas edafoclimáticas distintas, no suroeste europeo e adaptaremos as actuacións dentro do proxecto ás ameazas específicas que enfronta cada unha destas zonas. Así, de forma xeral e nun sentido amplo, e dependendo da zona, poderemos ter problemas relacionados coa falta de materia orgánica, manexo inadecuado do solo, presenza de pesticidas, etc.

– Que diferencia a este proxecto doutras iniciativas previas en conservación e recuperación do solo?
– A biorefinería multiproduto que permitirá ampliar o número de solucións e adaptalas a cada rexión edafoclimática e condicións locais.

– Que indicadores se van empregar para avaliar a mellora da calidade do solo?
– Centrarémonos sobre todo nas propiedades físicas, químicas e biolóxicas do horizonte superficial do solo.

– Desde unha perspectiva agroecolóxica, que necesita un solo vitícola para rexenerarse?
– De forma xeral e nun sentido amplo, sempre tendo en conta que cada caso é distinto e que require unha análise específica, desde unha perspectiva agroecolóxica, a rexeneración dun solo, sexa vitivinícola ou dedicado a outros usos, pódese levar a cabo mediante o aporte de materia orgánica, a mellora do ecosistema edáfico fomentando a vida microbiana e a biodiversidade, o manexo equilibrado de nutrientes, e o uso de emendas e coberturas vexetais no canto do laboreo intensivo.

– Podería explicar como funciona o prototipo de fermentador en estado sólido e que papel xogan as emendas bioestimulantes e bioplaguicidas?
– É un sistema que permite realizar procesos de fermentación en ausencia de auga libre, a partir dun substrato sólido húmido que fai á vez de soporte físico e achega nutricional para os axentes fermentadores, tales como fungos, bacterias ou lévedos. O desenvolvemento de emendas bioactivas mitigará a dependencia e impacto dos agroquímicos sintéticos como pesticidas e fertilizantes.

– Como se logra neste proxecto unha verdadeira integración da economía circular?
– Neste proxecto queremos integrar os principios da economía circular e a ecoeficiencia para un mellor aproveitamento dos recursos vitivinícolas, neste caso dos residuos que se xeran nas explotacións tales como raspón, bagazo, follas, ramas e froitos descartados, de cara a lograr unha xestión de residuos cero.

A biorrefinería para residuos vitivinícolas permitirá obter extractos de valor e xerar materiais biodegradables. Fará máis competitivo ó sector

– Ademais do aproveitamento de residuos, que outras prácticas sostibles recomenda para o manexo de viñedos?
– O manexo sustentable de viñedos require coidar o solo como contorno vital que actúa como, entre outros, reservorio de auga e refuxio de biodiversidade. Neste sentido, na medida do posible, por exemplo, débese reducir o uso de insumos sintéticos e apostar por solucións locais de baixo impacto ambiental tales como coberturas vexetais.

– Que oportunidades abre a biorefinería de residuos lignocelulósicos nos ámbitos industrial de alimentación, farmacia, cosmética ou enerxía?
– A biorefinación multiproduto, capaz de transformar os residuos lignocelulósicos en compostos químicos, materiais biodegradables e enerxía, fai máis competitivo ao sector vitivinícola e resiliente fronte, a por exemplo, crises futuras. Promove novas bioindustrias e é clave para mellorar o desenvolvemento das zonas rurais e atraer capital humano.

– Que estratexias están previstas para que os coñecementos e solucións cheguen directamente a bodegas e viticultores?
– Buscaremos concienciar e sensibilizar aos principais axentes do sector vitivinícola sobre a importancia de avanzar cara a unha xestión do sistema solo-viña máis sustentable, formándoos ademais no uso das tecnoloxías desenvolvidas no marco do proxecto para así dispor de persoal cualificado, e impulsar o desenvolvemento rural.

– Que papel teñen os 92 socios asociados nesta transferencia?
– Os socios asociados impulsarán a estratexia desenvolvida por Soil&WineResidues, axudarán á divulgación dos resultados e probarán algúns dos bioprodutos que serán desenvolvidos.

– Que avances espera acadar o consorcio ao longo dos próximos tres anos?
– Fundamentalmente impulsar un modelo produtivo baseado na economía circular e ecoeficiencia asistido por biorefinación, que leve a un manexo axeitado do solo e dos residuos lignocelulósicos.

– Existen plans para prolongar ou escalar esta iniciativa máis aló do SUDOE?
– Soil&WineResidues desenvolverá unha estratexia que garantirá que os resultados do proxecto transcendan máis alá das zonas piloto do proxecto, facilitando a súa transferencia e adaptación a outras rexións, incluídas aquelas fóra do espazo SUDOE. Deste xeito, en Soil&WineResidues participan entidades públicas como a Mancomunidade do Salnés ou a Comunidade Intermunicipal do Baixo Alentejo que incluirán a estratexia de Soil&WineResidues no seu propio marco de acción, servindo así de modelo para que outras entidades poidan facer o mesmo.

– Que mensaxes clave lle gustaría transmitir ao público xeral sobre a saúde do solo e a relación co viño?
– Os microorganismos son os principais axentes responsables da calidade do solo e, polo tanto, do funcionamento do ecosistema edáfico. Protexer a biodiversidade do solo é clave para manter a súa calidade. Un solo vivo e ben coidado non só sostén e nutre a vide, senón que tamén inflúe no sabor, o aroma, a calidade e a identidade dun viño.

Un solo vivo e ben coidado dálle identidade ó viño

Por iso, cada copa de viño pode ser tamén un xesto de compromiso coa terra, a paisaxe e as persoas que o fan posible. O sector vitivinícola está a realizar un gran esforzo por desenvolver unha actividade sustentable que contribúe ao benestar social, e a sociedade debe ser consciente diso.

– Quere engadir algo máis?
– Gustaríame que tamén se mencionase ao grupo de “Bioquímica e Calidade de Solos” da Misión Biolóxica de Galicia desde o que lidero e coordino o proxecto Soil&WineResidues, así como aos integrantes do mesmo que tamén participan no proxecto. O grupo de Bioquímica e Calidade de Solos conta cunha experiencia de máis de 40 anos na valorización e aproveitamento de diversos residuos orgánicos coa finalidade de aumentar a produción vexetal e/ou restaurar áreas degradadas (contaminación, incendios forestais). No equipo de investigación de Bioquímica e Calidade de Solos participan Juan José Villaverde (líder e coordinador científico do proxecto Soil&WineResidues), Montserrat Díaz Raviña (xefa do grupo de Bioquímica e Calidade de Solos), Beatriz Sevilla Morán e Eva Peiteado Carpinteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *