Cosecha Galicia SL propón un proxecto de innovación en cultivos que permite a súa utilización como materias primas en bebidas
A Xunta sumou a empresa ao convenio marco de colaboración no contexto de Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola Galego, impulsado por Agacal
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) acolleu a comisión de coordinación do convenio marco de colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) con representantes de diferentes empresas no marco do proxecto Agricultural Knowledge and Innovation Systems (AKIS) ou Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola Galego (SCIAGA). No encontro, a entidade Cosecha de Galicia SL sumouse ao convenio marco tras propoñer un programa de colaboración para a innovación en cultivos de interese que permita a súa utilización como materias primas en bebidas.
A proposta contará con dous investigadores en formación durante 25 meses para desenvolver as actividades relacionadas co cultivo do lúpulo, a produción e calidade organoléptica de variedades locais de mazá de sidra do Banco de Xermoplasma de recursos fitoxenéticos do CIAM e sobre cereais e novos cultivos para a elaboración de cervexa.
Durante a comisión, dirixida polo director da Agacal, José Luis Cabarcos, informouse do progreso e grao de consecución dos obxectivos de cada un dos programas de colaboración que están a desenvolver. Tamén mostraron en liñas xenéricas o que se fará na colaboración coa nova entidade e puxeron de manifesto as propostas de programación de proxectos a financiar por cada entidade adherida durante a próxima anualidade.
Programas de colaboración
A Fundación Juana de Vega foi a primeira en asinar este convenio co fin de desenvolver actividades de investigación, innovación e transferencia de coñecemento en materia agroalimentaria e forestal. De entre as empresas que conforman o convenio tamén está Sementares SL, que se adheriu a este convenio co desenvolvemento dun acordo programa sobre a mellora de caracteres de influencia na conservación e comercialización do tomate Negro de Santiago, unha primeira fase de selección de plantas de pemento e tomate con resistencia a enfermidades, multiplicación de variedades de cebola e actuacións para a mellora da variedade rexistrada de leituga Lugo.
Dende a Xunta indican que este convenio marco de colaboración está aberto a calquera entidade que desexe formar parte del. Aquelas empresas interesadas deberán levar unha proposta de programa de colaboración á comisión de seguimento que, trala súa aprobación, será desenvolvida polos centros de investigación da Agacal en estreita colaboración coa entidade propoñente.