O Foro DATAGRI pecha unha nova edición cun importante incremento da súa audiencia

Durante o 13 e 14 de novembro, La Vega Innova acolleu o Foro DATAGRI, de referencia no sur de Europa para o impulso da transformación dixital no sector agroalimentario


Actualmente, o 83 % das explotacións agrarias en España xa recollen datos para optimizar os seus procesos produtivos. Está a vivirse unha transformación histórica na agricultura e gandería. Os produtores non só xeran alimentos, tamén producen datos. Estes datos son o cimento de decisións máis precisas e estratexias eficaces que fortalecen a sustentabilidade e resiliencia das comunidades rurais a longo prazo. “Tal e como se puido comprobar nesta edición do Foro DATAGRI, as aplicacións da intelixencia artificial e a robótica á xestión agraria non son o futuro, son xa o presente”, destacou Jose Luís Miguel, presidente da Asociación DATAGRI.

A VII edición do Foro DATAGRI pecha as súas portas cunha audiencia global de 9,5 millóns de impactos: 6,4 millóns de alcance en redes sociais, 18.500 interaccións online, 2.200 chíos durante o evento, 2.757 asistentes, (40 % presenciais e 60 % por streaming), e 3 millóns a través dos medios de comunicación. Unhas cifras que sitúan ao Foro DATAGRI como o evento máis multitudinario celebrado en La Vega Innova, o Hub de innovación dixital do Ministerio de Agricultura situado no municipio madrileño de San Fernando de Henares.

“Este foro non só marca un fito na axenda anual do sector, senón que tamén representa un testemuño do imparable avance da dixitalización no mundo agrícola español”, indicou o presidente da Asociación. Engadiu que a revolución dixital está a transformar a forma en que se traballa a terra e se cría ao gando. “Este evento é o escenario perfecto para compartir coñecementos, experiencias e visións sobre este emocionante cambio. En definitiva, para que entre todos construamos o ecosistema dixital no que se vai a desenvolver a nosa actividade a partir de agora”, subliñou.

Nese sentido, o presidente afirmou que o Comité Organizador de DATAGRI traballa cun obxectivo claro: “garantir igualdade de condicións e oportunidades para todos os actores do ecosistema agrotech, promovendo unha distribución xusta do valor xerado polos datos e a información”.

En 2025, o Foro DATAGRI trasladarase á Rexión de Murcia, Comunidade Autónoma na que o sector agroalimentario é o eixo vertebrador do tecido económico e social.

Organizadores do evento
A edición 2024 do Foro DATAGRI estivo organizada pola Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), a empresa HISPATEC Agrointeligencia, a ETSIAM da Universidad de Córdoba, Cooperativas Agro-alimentarias de España, o Grupo Cooperativo CAJAMAR, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas da UPM, as organizacións profesionais agrarias, ASAJA e UPA e a colaboración dos membros asociados, Foro Interalimentario, Fertinagro Biotech e Santander Agro. Ademais, contou co apoio do Ministerio de Agricultura e da Comunidade de Madrid, e o patrocinio John Deere, Syngenta. Digitanimal, BASF, Telefónica, Esri, Agrae, Wiseconn, Xfarm, Greenfield, PDApp e a colaboración de EIT Food.

Comments are closed.