Premian unha tecnoloxía para extraer estruvita das augas residuais, un mineral apreciado como fertilizante
Outro dos premios da Real Academia Galega de Ciencias foi para unha tecnoloxía con impacto nos ámbitos da alimentación humana saudable e funcional, medicina e saúde, e o desenvolvemento de téxtiles intelixentes
Máis de 30 propostas presentáronse á edición 2024 dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), distinguiu dous traballos que recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 19 de xuño, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
Por unha banda, o premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía foi para o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS -Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais- e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago. O equipo, coordinado por Juan Manuel Garrido, e no que tamén participou Dafne Crutchik, profesora da Universidad Adolfo Ibañez de Santiago de Chile, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. O investigador salienta que “a lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras, pero é posible recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”.
Os investigadores indicaron que a UE só produce o 1 % de rocha fosfática, un recurso non renovable extraído de explotacións mineiras e considerado estratéxico, tendo que importar unha boa parte do fosfato que se utiliza para a produción de fertilizantes en agricultura, aditivos para alimentación animal ou produtos químicos. “Un 86 % deste recurso emprégase para a fabricación de fertilizantes para a agricultura. Por este motivo a recuperación de estruvita das EDAR axudaría a reducir a dependencia da UE de recursos externos, aumentando a circularidade do proceso de depuración”, destacan.
Para fomentar a precipitación de estruvita úsase un subproduto de baixo custo producido en Galicia que permite reducir notablemente os custos asociados ao uso de reactivos químicos para a precipitación de estruvita
Esta novidosa tecnoloxía, protexida por unha patente española e outra europea, transferiuse á empresa española Aqualia, a 4ª en Europa e 9ª no mundo do sector da auga. A compañía, que xestiona diversas EDAR en todo o país, implantou esta tecnoloxía na EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e na de Jerez de la Frontera (Cádiz), onde se puxeron en marcha senllas plantas de recuperación de fosfatos. O responsable da Delegación Norte de Aqualia, José Ramón Vázquez, sinala que “apostamos por procesos que melloren a eficiencia na xestión da auga e esta é unha tecnoloxía con moito potencial, tendo en conta ademais que moitos países xa obrigan a recuperar o fósforo das augas residuais e que a UE permite comercializar a estruvita. Solucionamos un problema nas depuradoras, melloramos a calidade da auga e, ademais, desenvolvemos un produto de grande utilidade para o campo”. Explica que para fomentar a precipitación de estruvita úsase un subproduto de baixo custo producido en Galicia pola empresa Magnesitas de Rubián (O Incio, Lugo). “Isto permite reducir notablemente os custos asociados ao uso de reactivos químicos para a precipitación de estruvita, tendo en conta que en España só hai dous produtores de óxidos de magnesio de calidade industrial e moi poucos na UE”, manifesta.
Deseño de materiais para refrixeración e calefacción ecolóxicos
Por outra banda, o premio ‘Francisco Guitián Ojea’ a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de desenvolvemento de novos materiais e tecnoloxías en estado sólido para sistemas de refrixeración e calefacción máis seguros, eficientes e sostibles. É un proxecto de investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, liderados por María Antonia Señarís.
Os membros do grupo salientan que, no caso de Galicia, a refrixeración e a calefacción son especialmente relevantes en sectores estratéxicos como a industria alimentaria, o transporte e a mobilidade sostible, aeroespacial, infraestruturas baseadas en enerxías sostibles como as turbinas eólicas, o sistema sanitario, a industria naval, a téxtil, ata a cultura e o lecer. “Velaí a necesidade imperiosa de desenvolver novas tecnoloxías de refrixeración alternativas que sexan economicamente accesibles, enerxeticamente eficientes e respectuosas co medio. Neste sentido, a nosa tecnoloxía pode impactar moi positivamente en ámbitos prioritarios como a alimentación humana saudable e funcional, medicina e saúde, e o desenvolvemento de téxtiles intelixentes”, indican.
Ademais, o equipo ideou un dispositivo capaz de aproveitar a presión das pisadas ao camiñar para transformar esta forza en efectos de refrixeración e quentamento, “o que resulta moi interesante para deseñar chans autorefrixerantes coas pisadas das persoas, zapatillas para mellorar o confort térmico persoal e o rendemento deportivo, ou mesmo pantallas táctiles para arrefriar os dispositivos electrónicos”.