Programan visitas guiadas ao Castelo de Soutomaior para participar nos actos da camelia

As visitas inclúen paseos guiados para o público xeral e escolar, obradoiros de debuxo e degustacións de té de camelia

Sendas das camelias en Soutomaior. Imaxe da páxina web

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer a programación dos actos da camelia no Castelo de Soutomaior. O programa levarase a cabo entre febreiro e marzo e consta de visitas guiadas para o público xeral e escolar, obradoiro de debuxo e degustacións de té e camelia.

As visitas guiadas para o público xeral teñen un prezo de tres euros por persoa, unha duración de sesenta minutos e levaranse a cabo todos os martes e xoves en horario de tarde ata o 26 de marzo. As visitas para escolares son gratuítas e terán lugar na quenda de mañá todos os martes e venres ata o 22 de marzo. En ambos os dous casos, as visitas estarán dirixidas por persoal do Castelo, que centrarán o percorrido na floración da camelia, a evolución desta especie e a súa relación coa provincia.

Os obradoiros de debuxo celebraranse os días 11 e 18 de febreiro, así como o 10, 17, 24 e 31 de marzo. O prezo é de 8 euros e o aforo máximo de 30 persoas (nenos maiores de 3 anos). Nestes obradoiros, os participantes poderán coñecer a importancia e a diversidade das camelias na provincia de Pontevedra para, a continuación, representar estas plantas empregando as técnicas artísticas de pintores locais como Maruja Mallo, Seoane, Jose Frau ou María Antonia Dans.

Degustacións de té
No caso das degustacións de té de camelia, están previstas para os días 23 de febreiro e 22 de marzo, cun aforo máximo de 25 persoas, un prezo de 8 euros e unha duración aproximada de dúas horas. A actividade consistirá nunha visita guiada polos xardíns e o castelo prestando especial atención ás camelias e, despois, unha degustación conducida por Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, para coñecer o cultivo e a preparación do té de camelia.

“Convido a toda a veciñanza a e visitantes da provincia a que se acheguen neste final do inverno ao Castelo de Soutomaior a desfrutar do espectáculo das camelias, a desfrutar dunha experiencia 100 % Rías Baixas”, sinalou o presidente da Deputación, Luis López. Para participar en calquera das actividades deben solicitar cita e mercar a entrada a través da páxina web www.castelodesoutomaior.com.

Comments are closed.