Proxecto de agricultura de precisión en millo, pataca e viñedo

Galicia dá un paso cara á agricultura do futuro coa posta en marcha de PRECIGAL, un proxecto de I+D+i que aplicará tecnoloxías avanzadas como sensores IoT, drons, robots e intelixencia artificial aos tres cultivos de maior relevancia estratéxica da comunidade: o millo, a pataca e o viñedo. A iniciativa foi presentada este mércores no Campus de Ourense e conta coa participación de seis empresas galegas, a Universidade de Vigo e o respaldo da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

O obxectivo principal de PRECIGAL é desenvolver unha plataforma dixital intelixente, modular e escalable capaz de integrar nun único ecosistema tecnolóxico ferramentas que actualmente funcionan de maneira independente. O sistema combinará datos procedentes de sensores instalados no solo, nas plantas e no clima, imaxes captadas por drons e satélites, información meteorolóxica, análise xeoespacial e algoritmos de intelixencia artificial e aprendizaxe automática.

A partir desta información, a plataforma xerará recomendacións agronómicas personalizadas para cada parcela e cultivo en tempo real, facilitando unha toma de decisións baseada en datos. O propósito é mellorar os rendementos das explotacións, optimizar o uso dos recursos e reducir o impacto ambiental da actividade agraria.

A iniciativa enmárcase na estratexia de transformación dixital do sector primario e aposta pola incorporación de tecnoloxías innovadoras para reforzar a produtividade, a competitividade e a sustentabilidade das explotacións galegas. Entre as solucións previstas inclúense tamén maquinaria agrícola intelixente e robots terrestres e aéreos destinados á monitorización e xestión dos cultivos.

PRECIGAL contempla ademais a validación práctica das ferramentas desenvolvidas en explotacións agrícolas reais vinculadas aos tres cultivos obxecto de estudo. Nelas avaliaranse aspectos como a monitorización dos cultivos, o control fitosanitario, a optimización dos recursos empregados e a análise do rendemento e da calidade das producións. Tamén se medirá o impacto ambiental das solucións implementadas, especialmente na redución do consumo de auga, fertilizantes e outros insumos agrícolas.

No caso dos drons, o proxecto prevé a realización de probas experimentais en condicións controladas para analizar a súa eficacia na aplicación de produtos fitosanitarios, sempre en coordinación coa administración competente.

O proxecto desenvolverase ata setembro de 2028 e incluirá un programa específico de transferencia de coñecemento ao sector agrario galego, co fin de facilitar a adopción das tecnoloxías desenvolvidas e acelerar a modernización das explotacións.

PRECIGAL está promovido por un consorcio formado por Sertogal, Avelino Santana García, Veiga Bella S.L. (Ramón do Casar), Innebo S.L., Comercial Agrícola Guerra S.L. e José Antonio Marra Bolaño (Azul e Verde), coa colaboración do Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) e do grupo Aerolab da Universidade de Vigo, integrado no Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (IFCAE).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *