Proxecto sobre a sustentabilidade do solo de viñedo e o aproveitamento de residuos vitivinícolas
O CSIC lidera unha investigación, a través do programa Sudoe, que conta coa participación de 15 socios de España, Francia e Portugal
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) reúne estes días, como entidade coordinadora, en Santiago de Compostela, aos 15 socios do proxecto Soil@WineResidues, que se inicia baixo a cofinanciación da Unión Europea a través do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Suroeste Europeo (Sudoe).
O proxecto, que conta cun orzamento superior ao millón e medio de euros, ten unha duración de tres anos e o seu obxectivo é abordar o deterioro da saúde e calidade dos solos do sector vitivinícola de España, Portugal e as rexións francesas de Nova Aquitania, Occitania e Auvérnia.
“Estas zonas engloban unha rexión posuidora da maior superficie de viñedo da Unión Europea, a maior produtora de viño do mundo. Porén, o seu sector vitivinícola enfróntase ao deterioro da saúde/calidade dos seus solos, á xestión inadecuada dos residuos lignocelulósicos xerados (raspón, bagazo, follas, pólas e froitos descartados) e á dependencia e impacto dos agroquímicos sintéticos como pesticidas e fertilizantes. Neste sentido, o proxecto busca avanzar cara a un modelo produtivo baseado na economía circular. A través da combinación de varios enfoques tecnolóxicos, propoñemos o aproveitamento ecoeficiente in situ (sen desprazamento a unha planta de tratamento) dos residuos lignocelulósicos xerados nas viñas para mellorar a saúde/calidade dos seus solos, desenvolver produtos comerciais e obter enerxía renovable”, avanza Juan José Villaverde, científico titular do CSIC na MBG, quen exerce como investigador principal e coordinador do proxecto.
O equipo de investigación está formado por entidades de España, Portugal e Francia (MBG, Aeris, Bodegas Paco & Lola, Fundación Juana de Vega, Mancomunidade do Salnés, Association pour l’Environnement et la Sécurité en Aquitaine, Vinovalie, Comunidade Intermunicipal do Baixo Alentejo, Sociedade Agrícola de Monte Novo e Figueirinha e as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Autónoma de Barcelona, Clermont Auvergne, Aveiro e Lisboa). Polo CSIC participa o grupo Bioquímica e Calidade de Solos da MBG, que centra o seu labor desde hai décadas no estudo da calidade do solo e dos efectos que teñen sobre ela os procesos de degradación e as prácticas de conservación e recuperación. Cómpre destacar a súa experiencia de máis de 40 anos na valorización e aproveitamento de diversos residuos orgánicos co fin de aumentar a produción vexetal e/ou restaurar áreas degradadas (contaminación, incendios forestais).
“O proxecto conta con 15 socios beneficiarios e 92 asociados relacionados transversalmente co sector vitivinícola destes tres países, o que permitirá tomar decisións a escala territorial nos distintos viñedos con características semellantes, transferir e capitalizar os resultados a nivel transnacional mediante unha xestión máis holística das viñas na zona suroeste europea, mellorar o desenvolvemento das zonas rurais mediante o uso eficaz dos recursos e capacidades produtivas das súas industrias, atraendo así capital humano e aumentar tanto a competitividade como a resiliencia do sector vitivinícola fronte ao cambio climático e futuras crises”, destacan desde a MBG.
“Só mediante iniciativas deste tipo, que implican aos principais actores do sector do viño, administracións públicas, centros de investigación e educación, empresas tecnolóxicas, consumidores e sociedade en xeral, se pode acadar a implantación efectiva de modelos de economía circular e ecoeficiencia, que leven a un manexo axeitado do solo vitivinícola e á revalorización e aproveitamento dos residuos lignocelulósicos xerados nas viñas”, apunta Villaverde, quen desenvolve a súa carreira investigadora arredor das tecnoloxías ambientais con capacidade para mellorar a xestión ecoeficiente e asistida por biorefinado dos sistemas agroforestais.
Fases do proxecto
Estes días reúnese por primeira vez o consorcio na sede da MBG en Santiago de Compostela e no Centro de Supercomputación de Galicia (Av. de Vigo, s/n. Campus Vida) para o denominado kick off meeting, encontro para xestionar a execución da investigación.
Mañá terá lugar a presentación oficial do proxecto nun evento híbrido presencial e en liña e contará coas intervencións de Rafael Zas, director da MBG; Sabela Fole, vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés; Óscar Prado, director de Aeris Tecnoloxías Ambientais, e Juan José Villaverde, investigador principal e coordinador científico do proxecto. No evento en liña, que terá lugar o 2 de xullo, participarán tamén os 92 socios asociados ao proxecto.
O proxecto levará a cabo durante os seus tres anos de execución dúas actividades piloto interconectadas.
Por unha banda, prevese o deseño, desenvolvemento e construción dun prototipo de fermentador en estado sólido que permitirá obter en poucos días e nas propias adegas enmendas con acción, por exemplo, bioestimulante e/ou biopesticida a partir dos residuos lignocelulósicos.
“Deste xeito diminuiremos o uso de insumos sintéticos tales como pesticidas e fertilizantes. Ademais, estudaremos como estas enmendas afectan ás propiedades do solo e aos microorganismos que o habitan. Entender o seu efecto sobre o sistema edáfico será clave para desenvolver enmendas adaptadas a cada tipo de solo e proceder á xestión sostible e ecoeficiente dos solos vitivinícolas”, explican desde o equipo de investigación.
Por outra banda, o proxecto contempla o fraccionamento dos residuos lignocelulósicos vitivinícolas a través de procesos de biorefinado, o desenvolvemento de novos produtos de alto valor engadido enfocados á industria alimentaria, farmacéutica e cosmética, e a obtención de biogás como enerxía renovable.