As Indicacións Xeográficas de produtos agroalimentarios manteñen o tecido produtivo agrario dos territorios

O estudo desenvolvido por Rubén Boga na USC baseouse en máis dun cento de entrevistas a produtores ou responsables políticos para recoller de primeira man as súas experiencias e opinións

As Indicacións Xeográficas (IX), entre as que se inclúen as figuras de Denominación de Orixe Protexidas, son mecanismos útiles para manter as rendas dos profesionais da agricultura e xerar impactos positivos para as producións e os territorios nos que se insiren. Así o demostra o traballo titulado Xeografías críticas dos procesos de construción e de xestión das figuras de Indicación Xeográficas para produtos agroalimentarios, realizado por Rubén Boga baixo a dirección do profesor do departamento de Xeografía da USC, Valerià Paül. O estudo analizou un total de doce casos de producións con este tipo de distintivos arredor do mundo, dende as Denominacións de Orixe galegas pemento de Herbón e queixo do Cebreiro ata exemplos en países como Francia, Eslovenia, Perú e Ecuador.

“A investigación non tratou tanto de demostrar os impactos tanxibles en termos de desenvolvemento rural das producións estudadas, senón de comprender, primeiro, por que os labregos poden querer acollerse a unha Indicación Xeográfica e, segundo, que tipo de factores e dinámicas poden darse para que estas certificacións cumpran de maneira efectiva cos seus propósitos”, explica o investigador. O traballo de investigación que deu lugar á súa tese de doutoramento baseouse na aplicación de 104 entrevistas a produtores, responsables políticos e outros perfís, coa fin de recoller de primeira man as experiencias e opinións propias das persoas que fican detrás das IX seleccionadas.

“Polo xeral, as vivencias comunicadas polos labregos e outros actores próximos ás producións analizadas permitiron comprobar a capacidade das Indicacións Xeográficas para manteren certas producións arraigadas no territorio, conferindo unha vantaxe de mercado aos produtores rexistrados”, explica. No que respecta aos casos galegos, as entrevistas relativas ao Pemento de Herbón e ao Queixo do Cebreiro revelan de xeito unánime a relevancia que tivo a consecución das súas Indicacións Xeográficas para contrarrestar o declive destas producións, sustentalas no territorio e xerar novas oportunidades económicas a partir delas. “Por exemplo, os produtores do Pemento de Herbón procuraban poder distinguir os ‘auténticos’ pementos de Padrón respecto dos producidos en calquera outro lugar. Conseguírono, e grazas a iso, confesan que puideron continuar a vivir desta produción”, di Rubén Boga. “Estes casos representan excelentes exemplos que se poden sumar ás evidencias recompiladas por outros investigadores; aínda que estas se centrasen en casos con moitos produtores inscritos coma o queixo Parmiggiano. A principal novidade, neste caso, é que se demostra que as Indicacións Xeográficas resultan útiles tamén para as producións agrarias máis miúdas”, engade.

Singularidades

O traballo amosa que, con todo, existen diferenzas no xeito no que as IX funcionan. “En casos coma o do Pemento de Herbón, temos un produto que xa posuía fama e unha reputación no mercado. Aquí a Indicación Xeográfica representou unha fonte de protección fronte a fraudes que permitiu manter o plus económico do que xa gozaba o produto, semellante a como sucedeu coa champaña no seu momento. En cambio, no caso do queixo do Cebreiro, que non era tan coñecido fóra da súa zona, a Indicación Xeográfica foi útil para promocionar e desenvolver económica e profesionalmente esta produción”, sinala Rubén Boga.

Estas diferenzas resultan cruciais á hora de entender o rol que poden asumir as institucións públicas no apoio a estas producións. Para o caso de Herbón, comprobouse a necesidade de contar cun marco lexislativo favorable como garante. O investigador destaca que “nos anos 1980, na ausencia dunha lexislación que recoñecese a posibilidade de rexistrar hortalizas como Indicación Xeográfica, o topónimo de ‘Padrón’ resultou apropiado e capitalizado por unha empresa particular como unha variedade de pemento coa que lucrarse”. No lado oposto, explica que o apoio institucional brindado pola Xunta de Galicia resultou fundamental para promocionar e dar visibilidade á IX do Queixo do Cebreiro fóra das montañas dos Ancares. Sinala Rubén Boga que a ausencia deste apoio por parte dos poderes públicos xoga en contra dalgunhas das IX que estudou en Ecuador ou en Eslovenia.

Outra cuestión que, segundo o autor da tese, se debe ter en conta na construción dunha IX é que o seu consumo fica mediado por unha proximidade xeográfica e cultural. “Parte fundamental que explica a cristalización da Indicación Xeográfica Pemento de Herbón foi a sona da que gozaban os pementos producidos nesa área entre os consumidores galegos, que os recoñecían e demandaban. Pola contra, o escaso éxito comercial dalgunhas IX Latinoamericanas, por exemplo para o millo, debeuse á ausencia de demanda”, subliña. Do mesmo xeito, “as IX non semellan a fórmula máis convinte para os produtores que venden os seus artigos de maneira directa, como tampouco resultan un instrumento ideal en todos os casos nos que o comercio se realiza a longa distancia e non existe unha proximidade cultural co produto”.

Sentido de identidade

Esta investigación demostrou por primeira vez que unha IX pode xerar beneficios económicos tamén para outros produtos similares da mesma zona que non teñen a certificación, grazas á asociación co prestixio que achega a propia IX. No caso do Queixo do Cebreiro, algunhas queixeiras artesanais non certificadas da contorna recoñeceron iniciar a súa actividade logo da aprobación da IX, grazas a asociarse o seu territorio coa produción dun queixo de calidade. A tese de doutoramento sinala asemade que a valorización e promoción comercial dunha IX contribúe a proxectar a imaxe territorial da súa rexión. “Nos casos galegos analizados isto non resultou tan evidente, pero estudei exemplos nos que esta promoción territorial se aproveita con fins turísticos”, detalla Rubén Boga. Outro achado relevante é que moitas veces, a obtención dunha IX impulsa dinámicas de innovación no sector, por exemplo, con novas formas de organización empresarial e o lanzamento de produtos derivados, como foi o caso de marmeladas no caso do pemento.

Alén de consideracións exclusivamente económicas, nesta investigación tamén se evidenciou que as IX se relacionan coa conformación dun sentido de identidade ou de pertenza ao territorio en moitos dos casos investigados. “Sería aventurado afirmar que as Indicacións Xeográficas son quen de xerar este tipo de sentimentos, pois por exemplo Herbón xa contaba coa festa do pemento, que celebra o xeito de vida dos veciños da aldea, desde moito antes da súa aprobación. Porén, ficou patente que, no longo proceso cara á consecución da Indicación Xeográfica, a defensa desta produción acabou por reforzar un sentimento de identidade cargado de profundas connotacións patrimoniais”, explica.

Protexer recursos

Por último, a tese discute en que medida as IX son quen de contribuír á protección de recursos presentes no territorio. Segundo o autor, “o caso do Pemento de Herbón demostra que nin tan sequera o punto máis básico dunha Indicación Xeográfica, a protección dun nome reputado, se pode dar por sentado; pois esta tivo que aprobarse finalmente baixo o nome de Herbón ―e non Padrón― ante a incapacidade de reverter a apropiación e transfiguración deste último topónimo nun termo xenérico”. Sinala, asemade, que estes instrumentos legais non teñen a capacidade para prever que terceiros fagan uso de variedades autóctonas como o pemento ‘variedade Padrón’ cultivado en Herbón, ou do millo ‘branco xigante’ de Cuzco (Perú), nin tampouco constitúen ferramentas útiles para combater prácticas como a biopiratería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *