Científicos da Universidade de Vigo traballan nun innovador sistema de loita contra a fraude alimentaria
Científicos da Universidade de Vigo traballan nun sistema máis sinxelo, preciso e rápido, que emprega imaxes hiperespectrales e métodos de aprendizaxe automáticos para autentificar sementes, fariñas e produtos texturizados de cereais, legumes e froitos
Un proxecto SmartControl, liderado pola Universidade de Vigo, desenvolve métodos e sistemas áxiles, precisos e sinxelos que permitan realizar estas verificacións e as novas tecnoloxías. Concorda coa necesidade que indican desde as administracións públicas, que cada vez prestan máis atención en garantir a autenticidade e integridade dos alimentos, debido ao aumento das fraudes alimentarias.
Coordinado polo catedrático Jesús Simal Gándara, membro do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1), a investigación céntrase en desenvolver un sistema que permita certificar a autenticidade de sementes, fariñas e elaborados en po/texturizados de cereais, leguminosas e froitos secos.
Para iso proponse empregar imaxes hiperespectrais e métodos de aprendizaxe automática (SmartControl). Cun orzamento de 212.500 euros, o proxecto no que tamén está involucrado o investigador Gonzalo Astray, acaba de botar a andar e desenvolverase até agosto de 2027 contando cun equipo multidisciplinar de áreas como a tecnoloxía alimentaria, a enxeñaría industrial, a enxeñaría informática, a química e a farmacia.
A investigación céntrase en produtos de diferentes denominacións de orixe protexidas ou indicacións xeográficas protexidas españolas
Como explica Simal, “este innovador proxecto baséase na hipótese de que esas imaxes hiperespectrais combinadas con métodos avanzados de aprendizaxe automática (ML) poden representar unha revolución para a avaliación da autenticidade de sementes, fariñas e pos e produtos texturizados de cereais, legumes e froitos secos”. A finalidade é desenvolver un sistema SmartControl que, “empregando as firmas espectrais inherentes a estes produtos alimentarios, poida identificar e autenticar con precisión a súa composición, orixe e calidade”.
Produtos de diferentes Denominacións
A investigación céntrase en produtos de diferentes denominacións de orixe protexidas ou indicacións xeográficas protexidas españolas. Trátase, en todos os casos, como sinalan os investigadores, de “cultivos vitais en España”, polo que é de especial interese garantir a súa autenticidade e calidade. Simal e o tamén investigador Gonzalo Astray explican que estes cultivos contribúen ao mantemento da biodiversidade e á calidade das paisaxes favorecendo a produción local e reducindo as importacións destas materias primas e, por tanto, axudan a reducir o uso de combustibles fósiles e a pegada de carbono.
O sistema podería aplicarse en diferentes puntos da cadea de produción, dependendo das necesidades específicas de cada sector
O proxecto márcase tres obxectivos fundamentais. O primeiro é establecer unha base de datos hiperespectral para unha ampla variedade de sementes, fariñas e pos, e produtos texturizados de cereais, legumes e froitos secos orientada a capturar as pegadas espectrais inherentes. O segundo é desenvolver modelos de aprendizaxe automática, adestrando modelos de machine learning de última xeración capaces de distinguir entre os produtos alimentarios previamente numerados.
O terceiro paso será o desenvolvemento dun sistema SmartControl que incorporará os modelos de ML deseñados a un sistema de control integrable en liñas de procesado de alimentos, de modo que sexa posible a avaliación non destrutiva e en tempo real, asegurando a autenticidade do produto e contribuíndo a manter a súa calidade.
Aplicabilidade dos resultados
Os investigadores lembran que, na actualidade, un gran número de métodos para garantir a autenticidade das sementes e fariñas teñen unha utilidade limitada porque requiren “equipos caros, moito tempo de análise e formación profesional”. O equipo da UVigo propón un novo método de detección “máis fácil de usar, moi preciso e rápido”. Este sistema, detalla o investigador, podería aplicarse en diferentes puntos da cadea de produción, dependendo das necesidades específicas de cada sector.
Simal destaca que “no caso das plantas de procesado, poderiamos instalar os nosos equipos nas liñas de produción para realizar análise en tempo real”. Por exemplo, no empaquetado, poderían empregarse para verificar a calidade dos produtos antes de ser enviados ao consumidor. Ademais, destacan que esta metodoloxía proposta para seis indicacións xeográficas protexidas “podería transferirse posteriormente a outras rexións de España e Europa”.