Galicia participa en AgrifoodTEF, un proxecto para incorporar a intelixencia artificial e tecnoloxía robótica aos sectores agroalimentario e forestal
A Xunta participará no proxecto europeo AgrifoodTEF, no que tamén se integra a empresa tecnolóxica Gradiant
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará no proxecto AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilitie – Instalacións de ensaio e experimento), que ten por obxectivo incorporar intelixencia artificial e tecnoloxías robóticas aos sectores agroalimentario e forestal.
A iniciativa comezou no ano 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario. Dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP).
Este proxecto busca acelerar a transformación dixital e favorecer a competitividade de pequenas e medianas empresas que conforman o sector agroalimentario. Estas empresas poderán probar, validar ou certificar os seus produtos e servizos antes do seu lanzamento ao mercado, tanto en instalacións físicas como plataformas para probas virtuais.
Participantes e presuposto
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (que pertence á Axencia) integrarase no núcleo da parte galega dun proxecto orientado ao ámbito da produción láctea, con especial atención á alimentación de precisión e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro. Tamén participa a empresa de tecnoloxía Gradiant e colabora o centro galego de innovación dixital DIH Datalife. En España, a parte de Galicia, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña.
A Axencia forma parte da iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) cun total de 30 entidades participantes. O CIAM contará con 888.100 euros para desenvolver a iniciativa. O 50 % desta cantidade procede da Unión Europea; mentres que a metade restante está cofinanciada polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.
Tecnoloxías do centro tecnolóxico Gardiant
Gradiant ofrecerá servizos nos que interveña o uso de tecnoloxías de IA e Big Data, IoT, 5G e vehículos autónomos non tripulados (aéreos e terrestres) no ámbito da produción de forraxes e produción láctea. Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant, destaca que “o centro tecnolóxico volve converterse unha vez máis nun referente á hora de ofrecer solucións no ámbito da IA, neste caso, coordinando a prestación de soporte a empresas que queiran testar os seus produtos”.
Con este proxecto, dende Gradiant afirman que seguen exercendo como referente no impulso da transformación dixital no sector primario en Galicia e España. Proba diso son o traballo realizado polo centro tecnolóxico para impulsar o hub de innovación dixital galego DATAlife, que tamén forma parte do proxecto; así como o labor desenvolvido en proxecto europeos como SmartAgriHubs, SPADE e o proxecto EDIH DATALife, entre outros.