Masterclass sobre o impacto da economía mundial no sector alimentario
O Clúster Alimentario de Galicia presenta o primeiro Programa para Directivos de Empresas Alimentarias galegas cunha Masterclass de Mario Weitz
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presenta o seu primeiro Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias galegas. O curso, que terá lugar de marzo a novembro de 2024 e inaugúrase o 9 de novembro deste ano cunha Masterclass titulada ‘Perspectivas da economía mundial e impacto no sector alimentario’.
A sesión será de 12:00 a 14:00 horas no Centro Abanca Obra Social (Praza Cervantes, Santiago de Compostela) e será impartida polo economista, director xeral de Consulta Aberta e exconsejero do Fondo Monetario Internacional Mario Weitz. Na charla ofrecerase unha visión global da economía mundial e española, incidindo na súa influencia no sector da alimentación.
O proxecto está deseñado xunto á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) e é unha iniciativa a favor do talento e a mellora da competitividade do sector alimentario de Galicia, cuxo obxectivo é impulsar o crecemento e a excelencia dos profesionais que integran as empresas do mesmo. Nace da idea de que, nunha contorna competitiva e dinámica do sector alimentario, as empresas enfrontan desafíos constantes, desde a crecente demanda de produtos innovadores e saudables, até as cambiantes regulacións e tendencias de mercado. Por iso, contar con líderes altamente capacitados e orientados ao éxito convértese nunha necesidade imperante para garantir o crecemento das organizacións.
Fortalecer as habilidades de liderado
A creación de talento e a mellora da capacitación dos traballadores do sector son unhas das medidas recollidas no Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga. Así, o Plan de Formación da asociación para 2024 consta de diversas iniciativas distribuídas en tres partes. Unha delas é o programa mencionado, que se enmarca na categoría de Alta Dirección, e conta de 25 sesións de oito horas. A súa misión é fortalecer as habilidades directivas e de liderado dos profesionais do sector para fomentar a innovación, a eficiencia e o éxito nas súas organizacións.
Os principais obxectivos son a mellora na formulación e implementación da estratexia corporativa, o desenvolvemento dunha visión estratéxica global orientada a resultados ou o fomento das habilidades de liderado para a xestión eficiente de equipos, entre outros.