O Clúster Alimentario de Galicia lanza un proxecto para diminuír o desperdicio no proceso produtivo
O proxecto IA40WASTE busca diminuír o desperdicio alimentario coa aplicación de Intelixencia Artificial e ferramentas dixitais
A Intelixencia Artificial (IA), visión artificial e Edge Computing son os eixes fundamentais da iniciativa IA40WASTE. O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) coordina o proxecto que está baseado na metodoloxía lean e que busca lograr a máxima eficiencia dos procesos produtivos e reducir o desperdicio alimentario a través da minoración de produto desbotado nos procesos industriais, ao tempo que fomenta o máximo rendemento das materias primas.
Para lograr o obxectivo, parten dunha novidosa plataforma de operacións baseada nunha fonda análise dos procesos de produción e da monitorización en tempo real dos seus puntos clave. Coa recollida desta información axilízase a toma de decisións en canto ás modificacións necesarias para acadar os máximos de produción que determine cada empresa.
O proxecto recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (Mincotur) e conta para a súa execución cun consorcio composto por dúas empresas tecnolóxicas (TripleAlpha Innovation, SL e Logicmelt Technologies SL) e dúas empresas alimentarias (Kiwi Atlántico SA e Pereira Productos del Mar SA) e a Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia (DIHGIGAL). Ademais ten a colaboración da empresa Alia Technologies SL.
Máis proxectos de dixitalización
Clusaga está a coordinar a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. VitIA 5.0 pretende mellorar a produtividade e sustentabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; MEATwin permitirá mellorar a planificación e produción do sector cárnico mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores; e DIG4.0VO, cuxo obxectivo é o sector avícola de posta, oriéntase a lograr unha cadea de valor eficiente, de calidade, comprometida co desenvolvemento sostible e con garantías de benestar animal.
Tamén está involucrado na execución doutros dous. Por un lado, Powerlog, liderado por DIHGIGAL, que se enfoca á optimización da loxística na industria marítima a través dunha plataforma baseada en IA e computación cuántica; mentres que AGROVOLTECH, cuxo consorcio lidera o Clúster de Energía del País Vasco (ACE), oriéntase cara o desenvolvemento dunha solución agrovoltaica intelixente, baseada en modelos fonolóxicos e sensórica avanzada.