“Os alimentos producidos en ecolóxico teñen máis densidade nutricional”
Aínda que quedan seis anos para ter que alcanzar o obxectivo que fixa a Unión Europea para 2030, a catedrática Dolores Raigón indica que "aínda estamos moi lonxe" e destaca que en gandaría ecolóxica produciuse un incremento do 18 %
A Unión Europea fixou un obxectivo claro para cumprir con algunhas alianzas de sustentabilidade: en 2030 un 25 % da superficie agraria útil ten que estar en ecolóxico. Esta cifra está lonxe da realidade e, aínda que cada ano se vai incrementando a superficie, “esperemos que, nos próximos anos, os esforzos para alcanzar o obxectivo sexan de maior compromiso e se poda alcanzar”, indica a Catedrática de Universidade da Universitat Politècnica de València, Dolores Raigón Jiménez.
Nesta semana, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, levaron a cabo as XXXV Xornadas Luís Asorey. Esta edición versou sobre a importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde.
Unha das sesións foi realizada por Dolores Raigón, quen ademais de catedrática é Doutora Enxeñeira Agrónoma con especialidade de Industrias Agrarias e profesora na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica e do Medio Natural. Investigadora, experta en agricultura ecolóxica e repercusións sobre a calidade dos alimentos.
Nesta entrevista aborda a importancia da alimentación ecolóxica, como está a situación en canto a produción e consumo e que se espera para o futuro.
– Recentemente falou sobre o valor nutricional dos alimentos ecolóxicos. Como é ese valor nutricional?
O valor nutricional fai referencia á proporción que atopamos nos alimentos de sustancias como proteínas, hidratos de carbono, graxas, vitaminas, minerais, auga e outros compoñentes que, aínda que non son puramente nutrientes, si forman parte da composición do alimento. Neste sentido, os alimentos ecolóxicos configúranse acordes ao tipo de alimento en particular, legumes, verduras, froitas, alimentos de orixe gandeira etc., pero mostrando diferenzas en canto á densidade nutricional.
As legumes ecolóxicas vanse comportar como alimentos altamente proteicos de orixe vexetal, e as diferenzas atopámolas cando estas legumes se comparan e coas súas análogas de produción convencional, onde os niveis en proteína das legumes ecolóxicas, son superiores ás de produción convencional. E en función de cada tipo de alimento atopamos como esa distribución nutritiva se caracteriza con maior densidade para os alimentos ecolóxicos, variando a proporción e o nutriente, en función do tipo de alimento.
Así mesmo, tamén atopamos a maior concentración de sustancias de carácter antioxidante nos alimentos de produción ecolóxica, debido a que as prácticas de fertilización e de sanidade vexetal xeran máis mecanismos de defensa entre a propia planta. O resultado é a síntese de sustancias beneficiosas para o organismo.
As persoas novas non queren seguir cos convencionais e buscan outra relación coa produción e a natureza
– Os consumidores buscan, cada vez máis, alimentos saudables e respectuosos co medio ambiente. Cales cre que son as motivacións para que aumente o consumo de produtos ecolóxicos?
As persoas consumidoras altamente concienciadas tentan incorporar nos seus hábitos de consumo alimentos que respondan a criterios de proximidade, temporalidade e produción ecolóxica. As motivacións que levan a estes hábitos son diversas, pero a principal son cuestións de saúde, e como segunda razón atopamos as cuestións ambientais. Esta pauta cambia segundo países, así nos de centro Europa son as cuestións ambientais as de maior motivación seguidas polas de saúde.
Ademais, os alimentos ecolóxicos teñen máis sabor e mellor aroma que os alimentos convencionais, debido a que utilizan variedades locais tradicionais, máis adaptadas ao terreo, que se cultivan cando alcanzaron a súa madurez, o que aumenta o contido en sustancias aromáticas e sustancias relacionadas co sabor, e neste sentido as persoas consumidoras, tamén van buscando alimentos con maior calidade organoléptica.
– A saúde quizais é un dos principais motivos. Que beneficios achegan neste sentido con respecto aos alimentos convencionais?
Os beneficios dos alimentos ecolóxicos con respecto á saúde están marcados por dúas cuestións, a primeira é que a carga química ou xenobiótica dos alimentos ecolóxicos é moi baixa ou nula, por exemplo restos de fármacos nos alimentos de orixe gandeira, restos fitosanitarios, aditivos alimentarios, etc. Todas elas son sustancias limitadas ou non autorizadas en agricultura e gandaría ecolóxica. E a segunda razón é a composición equilibrada dos nutrientes nos alimentos, o cal xera unha inxesta equilibrada nos nutrientes esenciais para o noso organismo e que proporcionarán un estado saudable.
– Tamén aumentan os produtores de produtos ecolóxicos. Por que?
Os factores de transición dos produtores son diversos, entre as que destacan cuestións de mercado, concienciación, axudas, por exemplo, se crece a demanda, motívase ao incremento da oferta e iso orixina que as persoas produtoras cambien ao modelo ecolóxico.
Tamén existen factores de concienciación cara a outros métodos de produción máis respectuosos, isto está moi condicionado ao relevo xeracional, onde as persoas novas non queren seguir cos convencionais e buscan outra relación coa produción e a natureza, outras cuestións que tamén motivan son os incentivos percibidos, que aínda que non son altos, sempre son unha axuda.
– Cal é a porcentaxe de terreos cultivados en ecolóxico en España? Cal sería a cifra óptima para considerar a España como un país ecolóxico e sustentable?
Os últimos datos publicados son referentes á situación en 2023, e indican que a superficie agraria útil dedicada á produción vexetal ecolóxica alcanzou as 2.991.881 hectáreas de cultivo, o que significa que o 12,51 % da superficie agraria útil está dedicada á produción ecolóxica.
As metas que a Unión Europea marcou para cumprir con algunhas alianzas de sustentabilidade fixáronse nun 25% da superficie agraria útil en 2030. Quedan seis anos e estamos lonxe dese obxectivo. Aínda que é importante destacar que son cifras que ano tras ano van á alza, e os incrementos seguen subindo, por exemplo, neste último ano pasouse do 10,83 % até o 12,51% e esperemos que, nos próximos anos, os esforzos para alcanzar o obxectivo sexan de maior compromiso e se poida chegar.
A agricultura e gandería ecolóxica baséanse nas boas prácticas, que deben ser sustentables e respectuosas co medio ambiente, os animais e a saúde humana
– En canto a gandería, a situación mellora ou empeora?
En canto á produción gandeira ecolóxica, tamén se produciu un incremento do 18 %, sendo o sector vacún o de maior incidencia. E un dato importante para Galicia é que o sector da acuicultura, coa produción de mexillón á cabeza, incrementou un 7 %, situándose este incremento principalmente nas zonas de Galicia.
– Leva máis de 20 anos traballando en temas relacionados coa biodiversidade e a calidade dos alimentos. Como foi a evolución da calidade dos alimentos nestas dúas décadas?
Ao longo deste período dedicado á investigación fomos asistindo a unha evolución respecto das nosas investigacións e ás realizadas por outros colegas. Se nos remontamos aos 20 anos, atopar unha revista que nos publicase artigos desta natureza era moi difícil, pola falta de sensibilidade dos evaluadores e outras cuestións. No momento actual existe outro talante e publicar nesta liña é máis fácil.
Neste período démonos conta da importancia que presenta a biodiversidade agrícola para obter calidade nos alimentos; sementes autóctonas, dannos alimentos autóctonos e con calidade, que contan unha historia e que responden a un equilibrio nutricional.
– A produción ecolóxica é un sistema integral de xestión agrícola e gandeira, así como de produción de alimentos no seu conxunto, que combina técnicas diferenciais de boas prácticas ambientais. Podería mencionar algunhas desas boas prácticas que distinguen ás producións ecolóxicas?
A agricultura e gandaría ecolóxica baséanse nesas boas prácticas, que deben ser sustentables e respectuosas co medio ambiente, os animais e a saúde humana, e que buscan conservar os recursos naturais, minimizar a pegada ecolóxica e garantir alimentos saudables e de alta calidade. Algúns exemplos son o uso de abonos orgánicos, a non utilización de sustancias químicas de sínteses, a rotación de cultivos, o uso de cubertas vexetais, o uso de rega eficiente, a redución do laboreo para preservar a estrutura do chan e evitar a erosión, a sanidade vexetal mediante o control biolóxico de pragas, a prohibición do uso de organismos xeneticamente modificados, que permita manter a biodiversidade e previr contaminación xenética etc.
E entre as prácticas de gandería, a alimentación natural e ecolóxica dos animais, baseada en pastos, forraxes e pensos procedentes de agricultura ecolóxica; o principio do benestar animal, proporcionando aos animais espazos amplos para que os se movan libremente, evitando condicións de apilamentos, ou a prohibición de antibióticos preventivos, ademais de incrementar a diversidade a través das variedades locais e as razas autóctonas.