Talento galego no foco do Centro Bezos de proteínas sostibles
O BioHackathon 2026, impulsado por Bioga e o Imperial College de Londres, reuniu en Vigo a medio cento de investigadores para resolver retos reais da industria das ciencias da vida e reforzar a conexión entre a investigación e a empresa

O Centro Bezos de Proteínas Sostibles (Bezos Centre for Sustainable Protein), pertencente ao Imperial College de Londres e promovido polo Bezos Earth Fund, escolleu Galicia como un dos ecosistemas de referencia para identificar e impulsar talento no ámbito da biotecnoloxía. A colaboración materializouse na celebración do BioHackathon 2026, unha iniciativa desenvolvida no marco dos Galicia Biodays e promovida por Bioga para achegar o mundo académico ao tecido empresarial.
O encontro, celebrado en Vigo durante o pasado mes de maio, reuniu a medio cento de investigadores procedentes do Imperial College de Londres, das universidades galegas e da Universidade de Coimbra. Os participantes traballaron en equipos multidisciplinares para afrontar desafíos reais formulados por compañías do sector das ciencias da vida, co obxectivo de desenvolver solucións viables e con potencial de aplicación industrial.
O presidente de Bioga, José Manuel López Vilariño, destacou a importancia estratéxica da innovación en proteínas alternativas e de orixe vexetal para o futuro económico de Galicia. Segundo sinalou, este ámbito representa unha “oportunidade histórica” para posicionar a comunidade como referente internacional no desenvolvemento de novos alimentos máis sostibles.
O BioHackathon naceu coa vocación de fomentar a transferencia de coñecemento e a colaboración entre investigadores e empresas. Para iso, os equipos participantes combinaron perfís de bioloxía, enxeñaría, deseño, xestión e outras disciplinas co fin de atopar respostas innovadoras a problemas concretos expostos polo sector produtivo.
A iniciativa desenvolveuse no marco do proxecto BioTransfer, financiado polo programa Interreg POCTEP España-Portugal, orientado á valorización dos recursos biolóxicos e ao fortalecemento das relacións entre ciencia e empresa.
Desde Bioga confían en consolidar unha alianza que permita seguir impulsando o emprendemento científico
Entre as compañías participantes figuraron Lactogal, Néboda Farms, Nueva Pescanova, SciY, Mestrelab Research, VivoArchitect, APLTA, Ecobas BioTransfer, Hifas Innovation Hub, Hijos de Rivera e Protiberia.
O primeiro premio da edición foi para o equipo que resolveu o reto proposto por Hifas Innovation Hub, centrado na identificación de metabolitos diferenciais en fungos medicinais para aplicacións de terapéutica de precisión. O segundo galardón recaeu no grupo que deu resposta ao desafío formulado por Nueva Pescanova sobre a valorización biotecnolóxica do peixe reloxo para o desenvolvemento de ingredientes funcionais. O terceiro premio distinguiu a proposta presentada para Néboda Farms, enfocada á reutilización segura de substratos na agricultura vertical.
Desde Bioga valoran moi positivamente a colaboración co Centro Bezos de Proteínas Sostibles e confían en consolidar unha alianza que permita seguir impulsando a innovación, o emprendemento científico e a competitividade internacional do ecosistema biotecnolóxico galego.



