A Escola Politécnica de Lugo lidera un proxecto europeo para optimizar o uso da auga rexenerada en cultivos
A prioridade do proxecto é preservar o capital natural para reforzar a súa adaptación ao cambio climático e promocionar unha xestión sostible dos recursos hídricos
A Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra lidera unha iniciativa europea para optimizar o aproveitamento de auga rexenerada para usos agrícolas. A prioridade do proxecto é preservar o capital natural, para reforzar a súa adaptación ao cambio climático, ademais da promoción do acceso á auga e unha xestión sustentable dos recursos hídricos.
O proxecto titúlase ‘I-ReWater Xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo SUDOE’, este nome dáselle a rexión que conforma a Península Ibérica, Principado de Andorra e sur de Francia. Está coordinado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Javier Cancela Barrio, quen tamén é investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA).
Destacan a importancia da investigación xa que, segundo indican, as estimacións derivan en que o emprego de auga rexenerada na agricultura de regadío podería implicar un aforro do 10 % dos recursos hídricos dedicados na actualidade a tal fin.
Primeiros pasos
O proxecto iniciarase a mediados de febreiro de 2024 no Campus Terra, onde se darán cita representantes dos 16 socios beneficiarios do programa, entre os que se atopan a Fundación Juana de Vega e a empresa Gestagua. Esta sesión inaugural servirá para favorecer a interacción entre os distintos socios, así como para perfilar e intercambiar información sobre as diferentes experiencias de aproveitamento de auga rexenera en parcelas de agricultura de rega que se desenvolverán en 16 localizacións do territorio SUDOE ao longo do trienio 2024-2026.
Cos resultados elaborarán unha estratexia de actuación a nivel internacional e definirán as etapas a seguir para incorporar as augas rexeneradas a regadío
O persoal analizará o estado actual dos recursos hídricos nos territorios que conforman o chamado espazo SUDOE. Prestarán especial atención ao uso de augas rexeneradas na agricultura de regadío, así como nos efectos na produción e calidade dos cultivos. A finalidade é favorecer a resiliencia e a seguridade das augas.
Os resultados das distintas accións parciais desenvolvidas permitirán a posterior elaboración dunha estratexia de actuación a nivel internacional. Esta liña permitirá definir as distintas etapas a seguir no progresivo proceso de incorporación das augas rexeneradas ao conxunto de recursos hídricos dispoñibles destinados a regadío. Tamén se posibilitará o desenvolvemento de ferramentas para a mellora de toma de decisións, a través da integración de modelos e aplicacións xa existentes na actualidade.