Curso sobre o uso de Radar de Apertura Sintética en Lugo
Investigadores das universidades de Alcalá e Göttingen, Mihai Tanese e Ryan Carrol impartirán os talleres no Campus Terra
O Campus Terra da USC sitúase á vangarda no uso de tecnoloxías emerxentes con aplicacións ambientais a través da organización dun curso sobre Radar de Apertura Sintética (SAR). As sesións serán do 27 ao 29 de febreiro no edificio Cactus da sede universitaria luguesa. Ofrécense 20 prazas para asistir e a inscrición é gratuíta e pódese formalizar a través do correo electrónico cesar.cruzado@usc.es.
Os investigadores nas universidades de Alcalá e Göttingen, Mihai Tanese e Ryan Carrol, que son especialistas no manexo desta tecnoloxía de vangarda con moito potencial de aplicación en observación ambiental, serán os encargados de impartir esta actividade formativa. O programa está coordinado polo investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, César Pérez Cruzado, e orientado á participación de docentes e investigadores do Campus Terra, así como a calquera outro profesional interesado.
A relevancia da tecnoloxía SAR e das súas múltiples aplicacións en estudos de control e vixilancia ambiental radica, segundo sinala Pérez Cruzado, nas posibilidades que ofrece esta tecnoloxía emerxente para dispoñer de información satelital (SAR) de libre acceso. O aproveitamento destes datos, que ofrecen valores referidos a rangos de cambio climático, nivel de estrés das árbores, valores hídricos… esixe o desenvolvemento de metodoloxías e de software para o seu procesamento.