Finaliza o foro sobre experiencias do programa Leader
Responsables e técnicos de grupos de desenvolvemento rural de Galicia e Asturias participaron nas xornadas do foro de intercambio de experiencias e coñecementos do programa Leader, que tivo lugar no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A análise e o debate dos avances e posibilidades de desenvolvemento que ofrece o programa Leader para o período 2023-2027 foron os obxectivos desta xuntanza.
A directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC reivindicou o “cometido esencial” que desenvolven os profesionais técnicos formados a través das enxeñarías agroforestais e civil para avanzar na transformación do medio rural cara a unha “contorna viva, sustentable e con futuro”. Na xornada, entre outras autoridades, tamén interveu a directora Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, Inés Santé, quen adiantou que este novo quinquenio de aplicación dos fondos da Política Agraria Común (PAC) inclúe a incorporación do enfoque LEADER como unha intervención dentro do programa de cooperación.
Este novo escenario supón tamén unha adaptación do Leader, un programa que deberá asumir unha serie de retos en materia de formalización de novos acordos de colaboración entre os grupos de desenvolvemento rural e os organismos responsables de cada comunidade autónoma. A definición deste novo modelo de participación dos grupos de desenvolvemento rural, a fin de que se convertan en elementos chave de crecemento das áreas rurais nas que traballan, constitúe outra das prioridades destas xornadas de traballo.
No encontro, o público participante tamén tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o proxecto Ecocomedores durante a visita realizada en quenda de tarde ao CEIP de Riotorto.
Proxección na EPSE
Dentro dos Encontros de Lúa Chea, programan unha análise do futuro do Campus de Lugo no marco do sistema universitario de titulacións. O debate informal, promovido polo colectivo Proxéctate en Galego, será este xoves a partir das 19.30 horas, na cafetería da EPSE do Campus Terra.
Na sesión abordarase o escenario aberto tralo acordo para o mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) asinado en 2021. Tamén se reflexionará sobre as consecuencias que depara este documento para a sede universitaria luguesa. Contará como relatores cos profesores Celia Besteiro e Carlos Herrero, dous docentes da sede universitaria luguesa que teñen unha ampla experiencia en xestión universitaria.