Formación sobre detección de patóxenos de orixe alimentaria en Lugo

A Facultade de Ciencias acolle este curso o 3 de xuño e busca facilitar a transferencia ao sector produtivo de técnicas de microbioloxía dependentes de cultivo


A Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela acolle o 3 de xuño a celebración do curso ‘Detección de patóxenos de orixe alimentaria. Trasladando o laboratorio ao campo’. A formación pretende facilitar a transferencia ao sector produtivo de técnicas de microbioloxía dependentes de cultivo e de bioloxía molecular empregadas de rutina nos laboratorios de seguridade alimentaria, ademais de abordar aplicacións prácticas en situación reais. O programa do curso desenvolverase en quenda de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.

Esta proposta formativa, coordinada por Alexandre Lamas e impartida por Alejandro Garrido, está incluída no Plan Formativo 2024 do Campus Terra da USC. As persoas interesadas en participar neste curso, orientado a estudantado universitario e tamén a profesionais e axentes do sector produtivo, poden formalizar xa a súa inscrición en liña.

A temática do programa afondará sobre métodos de microbioloxía dependente de cultivo para a detección de patóxenos na cadea alimentaria e tamén tratará as técnicas moleculares como alternativa máis rápida aos métodos de microbioloxía dependentes de cultivo. Daquela, no curso explicarase de forma teórica e práctica o emprego de técnicas isotérmicas como a amplificación isotérmica mediada por bucle (LAMP, por as súas siglas en inglés). Asemade, tamén se demostrará de forma práctica como estas técnicas poden ser aplicadas na propia industria alimentaria sen necesidade de contar con laboratorios dedicados e con equipamento custoso.

Comments are closed.