Efluentes das industrias lácteas e conservas de peixe para producir ácidos graxos
Os resultados dunha investigación de Tamara Casero confirman que o proceso para o tratamento de efluentes lácteos é economicamente viable, con maior potencial nos modelos centralizados

A investigadora Tamara Casero Díaz centrou a súa tese doutoral na valorización dos efluentes xerados polas industrias láctea e conserveira de peixe para a produción de ácidos graxos volátiles mediante fermentación anaerobia, unha alternativa que permite transformar residuos en recursos de valor engadido. Trátase dunha tese industrial, realizada no marco dunha colaboración entre CETAQUA Galicia e o Centro Singular de Investigación interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC no ámbito do grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup).
Para levar a cabo a investigación, empregou procesos de fermentación anaerobia, unha biotecnoloxía capaz de transformar a fracción orgánica dos efluentes en produtos químicos de valor engadido como son os ácidos graxos volátiles, compostos de alto interese industrial. O traballo combinou ensaios a escala de laboratorio e piloto preindustrial, coa análise de distintos parámetros operativos e condicións de proceso para optimizar a produción e comprender o comportamento do proceso con estas correntes complexas.
O traballo permitiu identificar as condicións operativas máis adecuadas para maximizar a produción destes compostos e comprender como inflúen no rendemento de produción e no espectro de ácidos producindo parámetros como o tipo de substrato, o tempo de retención ou a estratexia de alimentación do reactor. Ademais, os resultados confirman que o proceso para o tratamento de efluentes lácteos é economicamente viable, con maior potencial nos modelos centralizados (tratando conxuntamente os efluentes producidos en Galicia). “Estes resultados proporcionan unha base sólida para futuras decisións estratéxicas e reforzan o interese en optimizar esta tecnoloxía de valorización”, explica Tamara Casero.
A tese de doutoramento, que dirixiron os docentes Marta Carballa Arcos e Miguel Mauricio Iglesias xunto coa responsable do ámbito Residuo Cero e Descarbonización de CETAQUA, Celia Castro Barros, realizouse no marco dos proxectos Interreg POCTEP CONSERVAL e da Unidade Mixta CIGAT CIRCULAR.
O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo presidido pola profesora da Universidade da Coruña María del Carmen Veiga, acompañada pola investigadora Ramón y Cajal da USC Alba Pedrouso e polo profesor Nicola Frison, da Università degli Studi di Verona (Italia). Acordaron por unanimidade a cualificación de sobresaliente cum laude.



