Lugo convértese en capital do coñecemento sobre o uso sustentable da terra e os seus recursos

O Campus Terra da USC impulsa a primeira edición dun congreso que durará ata o mércores 16 e servirá de foco para despregar alianzas que teñen na innovación e no territorio o seu punto de ancoraxe

O acto tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

A primeira edición do Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra comezou o luns 14 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e durará ata o 16. Cun “sodes o futuro” dirixíase o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, aos máis de cen participantes que acudiron.

O foro, que se desenvolve baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’, aborda nove liñas de pescuda que van dende a produción vexetal sostible, a produción e saúde animal sostibles ata a alimentación segura e saudable ou tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), entre outras.

Francisco Fraga salientou o incremento no número de estudantado do Campus de Lugo, así como a forza do seu músculo innovador xa que cada vez “estamos a captar máis persoal investigador de prestixio”, engadiu. Na mesma liña, Elvira López Mosquera, a delegada do reitor para o Campus Terra, tamén puxo o foco “no éxito de participación”. “Vós sodes os protagonistas e estou convencida do voso éxito”, destacou.

Pola súa parte, Rosa Romero, a directora da EPSE, tivo palabras de agradecemento para o conxunto de institucións presentes no acto xa que estase a realizar un esforzo colectivo para “traballar na proxección do campus”. “Tedes un futuro prometedor”, dixo dirixíndose ao persoal investigador máis novo, “porque posuídes ánimo e coñecemento”.

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; e o deputado provincial da Área de Medio Ambiente, Carlos López, tamén interviñeron na sesión de apertura do Congreso.

Díez de Castro centrou a súa intervención en como o Campus Terra é froito dun “programa pioneiro” no conxunto do Estado para lograr “que os campus universitarios non centrais compitan en igualdade de condicións co resto”. O secretario xeral de Universidades lembrou que o Campus Terra obtivo a súa acreditación como campus de especialización ata 2025 e que por iso é sometido a unha minuciosa e esixente avaliación que vai superando con éxito.

A alcaldesa de Lugo dirixiuse aos participantes para recordar como “o voso é un mundo apaixonante e tremendamente importante”. Tamén salientou a importancia que o Campus ten e como fai que “Lugo sexa cidade referente”. Finalmente, o deputado provincial Carlos López centrou as súas palabras no papel que xoga a educación superior pública no seu vínculo coa terra.

 

Programa do congreso

O congreso ofrece á comunidade universitaria e á cidadanía a oportunidade de coñecer de primeira man a investigación da mocidade investigadora no Campus Terra de Lugo. Contará coa participación de especialistas de diversas universidades e centros de investigación de España, Portugal, Brasil, México e Paraguai. O programa, que xa pode ser consultado en liña, inclúe arredor de 70 presentacións orais e preto de 40 pósters.

O Congreso será tamén marco para a sesión ‘Impulsando a investigación: novidades e estratexias nas convocatorias para persoal investigador pre e post doutoral’ que se desenvolverá o martes 15, de 15.30 a 17.30 horas. A sesión debullará convocatorias para formación de persoal investigador que verán a luz a través de diferentes institucións.

O mércores 16, de 16.00 a 18.00 horas, será a quenda de ‘Colaboración universidade e empresa: raíces para un futuro sostible’ no que se darán cita empresas de sectores aliñados coas liñas de investigación do Congreso para coñecer os seus plans de investigación, necesidades de persoal, así como a opinión que teñen da formación que se imparte nas universidades.

O obxectivo principal é fomentar o intercambio e a colaboración entre a mocidade investigadora ibérica. O foro está dirixido a estudantes de grao, mestrado, doutoramento, posdoutorais e novo persoal investigador. O Campus Terra de Lugo, promovido pola USC, busca ser un referente en sustentabilidade económica, social e medioambiental.

Comments are closed.