Novas actividades do Plan Formativo do Campus Terra
A oferta para 2025 abrangue dende seminarios e cursos para estudantado, ata cursos específicos para persoal docente e investigador, así como accións dirixidas ao sector produtivo

Foto de Santi Alvite
O Plan Formativo do Campus Terra arranca coa terceira edición do Curso de Introdución ao uso de Mathcad o vindeiro 17 de marzo. Este plan está integrado por máis dunha trintena de actividades entre cursos e seminarios. En total, a oferta para 2025 abrangue dende seminarios e cursos para estudantado, ata cursos específicos para persoal docente e investigador, así como accións dirixidas ao sector produtivo.
A primeira das acción está dotada cun total de 20 prazas e xa ten aberto o seu prazo de inscrición a través dun formulario en liña. Neste curso explotaranse as características que converten esta ferramenta nun elemento de utilidade no ensino de materias relacionadas coas matemáticas puras e aplicadas. A actividade diríxese a profesorado das titulacións de grao e de mestrado impartidas na USC e que estean orientadas ás Ciencias, á Enxeñería, á Economía e a calquera outra área na que se utilicen tratamentos matemáticos. A docencia correrá a cargo do profesor Jorge A. Carrazana García.
Neste ano, o PDI poderá beneficiarse dunha ampla e diversa oferta de cursos, cuxa inscrición se abrirá nas vindeiras semanas, que abarcan dende a análise de modelos de ecuacións estruturais utilizando o software AMOS (16-20 xuño), o Machine Learning aplicado á investigación en empresa e economía (10-11-12 e 18 de xuño), ou a revisión sistemática da literatura e análise bibliométrica con VOSviewer (4, 5 e 9 de xuño).
O deseño de maquetas para proxectos de enxeñaría (7-11 xullo), así como a súa fabricación, a iniciación no sistema operativo Docker (23, 24, 28, 29 e 30 de abril, 5 e 6 maio en formato virtual), ferramentas para a investigación cualitativa (19 de maio), un curso básico sobre cultivos celulares (12-16 de maio) ou as técnicas moleculares rápidas para a detección de patóxenos emerxentes (2 de xuño) completan a programación para este ano.
O Plan Formativo do Campus Terra destina tamén parte da súa oferta ao Sector Produtivo, tal e como sucede coas accións Cálculo Científico e Técnico con Python e Pan e Cereal Galego que se desenvolverán ao longo do mes de xuño
O futuro da IA na empresa (7 de abril) e os sentidos como negocio (17 de marzo) serán os seminarios impulsados dende a Facultade de Administración e Dirección de Empresas para o estudantado. Ao longo do mes de abril, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría dará pulo, pola súa parte, a unha serie de accións formativas que xirarán arredor das enerxías renovables con motivo da conmemoración do Día da Terra, así como sobre as estratexias galega e estatal de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxicas.
Así mesmo, Humanidades abordará, entre os meses de marzo e abril, como construír un proxecto cultural, historias soterradas na xestión de proxectos ou un seminario sobre oralidade. Ademais, Veterinaria centrarase na aplicación de sensores e monitorización no gando vacún (11 de abril), no Programa de apareamento de gando vacún (24 de marzo), e no Programa de xestión de granxa en gando vacún (31 de marzo); mentres que Ciencias acometerá a nutrición e a saúde dende unha perspectiva clínica ( 7 de abril), e a bioquímica e a tecnoloxía para salvar vidas (primeira quincena de maio).
Tamén dirixidos ao estudantado, ofertaranse os cursos Manexo avanzado e programación de follas de cálculo, Introdución ao modelo e impresión 3D, Teledetección Forestal: Ferramentas e aplicacións, Curso de Veterinaria e conservación da fauna silvestre, e Re_imaxinando a alimentación dende o prato_do_territorio.
O Plan Formativo do Campus Terra destina tamén parte da súa oferta ao Sector Produtivo, tal e como sucede coas accións Cálculo Científico e Técnico con Python e Pan e Cereal Galego que se desenvolverán ao longo do mes de xuño.