O Campus Terra acollerá un taller de análise sensorial de produtos lácteos
A formación, que será o xoves 9 de maio, contará sesións teóricas e prácticas e está dirixido a profesionais do sector
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela organiza un obradoiro teórico-práctico de análise sensorial de produtos lácteos. Está destinado a profesionais do sector e forma parte do programa de formación Campus Terra 2024.
O taller será o xoves 9 de maio de 9:30 a 14:00 horas, a parte teórica, e de 15:30 a 20:00 horas, a parte práctica. Así, na parte teórica farase unha introdución xeral á análise sensorial e tratarase a fisioloxía da percepción; e logo abordarase a metodoloxía xeral de análise sensorial de produtos lácteos; a metodoloxía específica da análise sensorial de leite, iogures e manteiga e, finalmente, a metodoloxía específica da análise sensorial dos queixos.
Na parte práctica faranse probas de agudeza sensorial: vista, olfacto e gusto; probas discriminativas e limiares sensoriais, avaliación sensorial de leite, iogures e manteiga e avaliación sensorial de diferentes tipos de queixo.
O curso é gratuíto e está dispoñible o formulario de inscricións.