O Campus Terra afonda nas súas áreas de especialización cunha decena de novos proxectos colaborativos de I+D
A delegada para o Campus Terra da USC, Elvira López, abre este xoves 26, ás 9:00 horas, no edificio Cactus, unha xornada de presentación de resultados das pescudas realizadas
O Campus Terra da USC afonda nos seus eixos de especialización: Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Produción e Saúde Animal Sostibles, Alimentación Segura e Saudable e Xestión Forestal Sostible, así como noutras áreas transversais encadradas no paradigma da bioeconomía circular, tal e como son a utilización das TICs e as ómicas, o cambio climático ou a biodiversidade e a infraestrutura verde, con dez novos proxectos de I+D froito colaboración de investigadores e equipos de traballo beneficiarios de achegas financeiras a través da primeira convocatoria de proxectos colaborativos lanzada desde o Campus Terra e cuxos resultados darán a coñecer este xoves 26, a partir das 9:25 horas, no edificio Cactus da sede universitaria luguesa, no marco dunha sesión pública que abrirá a delegada do reitor da USC para este campus de especialización, Elvira López Mosquera.
O profesor Emilio Rafael Díaz Varela abrirá a palestra de presentacións destes proxectos colaborativos de I+D do Campus Terra cunha exposición sobre a localización e diferenciación de castiñeiros enxertados con variedades tradicionais mediante análises espazo-temporais de imaxes aéreas e xenotipado por SSR. De seguido, Rodrigo Muiño Otero apuntará algunhas das conclusións do estudo realizado sobre o impacto do cambio climático na saúde, benestar, eficiencia reprodutiva e calidade do leite nas explotacións de vacún de leite da provincia de Lugo.
Rodrigo Muiño falará do impacto do cambio climático nas explotacións leiteiras e Ramiro Fouz dos efectos da separación entre a cría e a nai no período de aleitamento
Os efectos que produce ou pode provocar no benestar e na saúde animal e, nomeadamente, no vacún de leite a separación entre cría e nai e o período de aleitamento centrará o relatorio de Ramiro Fouz, mentres que Marcelino Maneiro falará sobre o desenvolvemento de filmes con atioxidantes catalíticos para envasado activo de alimentos. Carmen Louzao Ojeda profundará no ámbito da alimentación segura e saudable coa presentación Brevetoxinas: un risco emerxente de seguridade alimentaria.
A avaliacion do impacto do cambio climático na presenza de fungos e micotoxinas que afectan ao sector primario galego e a agricultura de precisión con millo forraxeiro centrarán a temática das exposicións que traerán a este foro os profesores María Jesús Sainz Osés e Javier Bueno Lema, respectivamente.
A presentación de resultados do estudo morfolóxico e xenómico do sistema ofactivo do linguado senegalés e sobre o seu cometido na reprodución en cautividade, un traballo desenvolvido por un equipo liderado por Paulino Martínez Portela, abrirá a última quenda de intervencións dunha xornada de difusión da actividade científica do Campus Terra da USC, o escenario no que o profesor Miguel Ernesto Vázquez Méndez tratará sobre o deseño óptimo de infraestruturas sostibles, e Ana Cabana Iglesia contextualizará os novos modelos de hortas en Lugo e na súa contorna cos saberes agroecolóxicos, seguridade alimentaria e resilencia local.