O Campus Terra e o Laboratorio de Sanidade Vexetal abren novas vías de colaboración

Exploran posibles colaboracións en actividades de I+D+i e levarán a cabo unha xornada técnica o 19 de marzo na sede lucense do Laboratorio


O Campus Terra da Universidade de Santiago e o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal (LNSV), dependente do Ministerio de Agricultura, exploran posibles vías de colaboración en actividades de I+D+i. Nese sentido, celebrarán unha xornada técnica de carácter divulgativo o martes 19 de marzo na sede lucense do LNSV.

A directora do Laboratorio, Irene Suárez, abrirá o programa cunha sesión expositiva na que dará conta dos obxectivos, así como das distintas actividades organizadas e da situación actual do LNSV. De seguido, a responsable técnica de sanidade vexetal do organismo ministerial, Vanesa Ferreiroa Martínez, realizará un ensaio sobre a detección do froito rugoso marrón do tomate (ToBRFV) por RT-PCR en tempo real en sementes de tomate e pemento.

As docentes e investigadoras da Área de Produción Vexetal na EPSE, Mª Josefa Lombardero e Cristina Cabaleiro, tratarán nas súas respectivas intervencións as interaccións entre a especie invasora Dryocosmus kuriphilus e o castiñeiro en Galicia, así como as vantaxes e os riscos das técnicas rápidas, económicas e de uso doado para diagnosticar virus en estudos epidemiolóxicos.

A detección de Escherichia coli produtora de toxinas Shiga (STEC) por PCR en tempo real en produtos vexetais e auga centrará un ensaio que realizará a responsable técnica no ámbito da hixiene vexetal do LNSV, Alexandra Herrera Estévez. Asemade, a técnico responsable da caracterización molecular neste ente do Ministerio de Agricultura, Karola Böhme, presentará nesta sesión as distintas tecnoloxías: secuenciación xenómica e espectrometría de masas MALDI-Tof empregadas no LNSV para a caracterización molecular. Un relatorio sobre o control de calidade no LNSV e o seu sistema integrado de xestión, a cargo da xefa de servizo deste centro, María Arias Iglesias, pechará o programa de intervencións.

A intervención da delegada do reitor da USC no Campus Terra, Elvira López Mosquera, servirá de colofón da primeira acción conxunta programada entre a USC e o LNSV.

InscriciónsAs persoas interesadas en participar na xornada, que se desenvolverá en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas, poden formalizar xa a súa inscrición de balde en liña, a través do enderezo e correo electrónico bzn-lnsv@mapa.es.

Comments are closed.