O Campus Terra presenta este luns o resultado de proxectos punteiros en veterinaria, tecnoloxía e medioambiente

A xornada Proxectos Colaborativos de Campus Terra 2024-2025 inclúe investigacións en intelixencia artificial, edición xenética, cambio climático e benestar animal

Imaxe de arquivo.

O vindeiro 26 de maio celebrarase no Salón de Actos do edificio CACTUS a xornada de exposición de resultados dos Proxectos Colaborativos de Campus Terra 2024-2025. A sesión, que comezará ás 10:00 horas, reunirá investigadores e investigadoras de distintas áreas para presentar avances relevantes en saúde, tecnoloxía, medio ambiente e alimentación.

Entre os proxectos destacados está o estudo do Alzheimer en cans como modelo para humanos mediante intelixencia artificial (MIDICO), o deseño dun dispositivo para medir metano entérico en vacas (Bovimasc) ou a mellora da edición xenética mediante nanopartículas (CRISPR-NANOXEN).

Tamén se analizarán cuestións clave como a influencia do benestar animal na calidade do leite (StarWell), a monitorización ambiental a través de troitas (EcoTroitaPontes), e o papel do xabaril na transmisión de E. coli patóxena (JABACOLIX).

A xornada subliña o compromiso do Campus Terra coa investigación aplicada e multidisciplinar, vinculada aos retos actuais en saúde pública, sostibilidade e innovación tecnolóxica. Os interesados poden acceder ao programa completo na seguinte ligazón.

Comments are closed.