Pastoreo e ecoloxía en sistemas agroforestais: liñas de mellora

O proxecto Life Silfore investiga en sistemas agroforestais que melloren os hábitats e reduzan o risco de lumes


O grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais avanza na experimentación con distintos métodos de introdución de especies animais e vexetais para a rexeneración do monte e a prol dunha maior resiliencia ao cambio climático das masas forestais. O equipo pertence á Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e realiza estes traballos no marco do proxecto Life Silfore, un programa internacional liderado polo Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) que contempla intervencións en distintos puntos de Galicia.

Desenvolverá unha rede de demostracións cunha extensión de ducias de hectáreas en Portugal, Galicia, Asturias e Euskadi. A ampla superficie do territorio sobre a que prevé actuacións inclúe unha gran parte da variedade ecolóxica dos bosques das zonas atlánticas-subatlánticas e socioeconómicas. Cabe puntualizar que en Life Silfore tamén participan como socios o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario do Principado de Asturias.

O grupo de Sistemas Silvopastorais desenvolve as accións proxectadas en Galicia, realizando diversos ensaios de prácticas silvopastorais que mesturan a produción forestal co uso gandeiro. Segundo explica a catedrática de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE Rosa Mosquera Losada, en Quiroga (Lugo) experiméntase “a introdución no monte de especies medicinais e de castiñeiros, empregando distintas doses de acolchado e fertilizante como esterco de coello e de cabalo mesturado con leguminosas”. Os primeiros resultados mostran que mellora o crecemento dos castiñeiros “cando se aplican os tratamentos”.

A través do proxecto búscase contribuír a redución do risco e incidencia de posibles lumes forestais

Un dos traballos que realizan é en colaboración con Asoporcel, no que se está a probar en Osmos (Abegondo, A Coruña) a introdución de gando porcino nun souto de castiñeiros, en concreto de porco celta. Outro lévase a cabo en Poso (Cervantes, Lugo) onde se experimenta cunha sementeira de herba para promover o crecemento dunha pradería na que se poida introducir gando vacún e cabalar en colaboración cun gandeiro local e coa cooperativa A Carqueixa, que comercializa carne de vacún dos Ancares Lugueses. Outra das ideas nas que se está a traballar é o pastoreo do gando con colares que controlarían o seu desprazamento cun sistema GPS.

Entre os obxectivos dos diferentes ensaios está transformar masas forestais sen tratar, de baixa calidade madeireira e necesitadas de actuacións tanto para estabilizar as producións como para mellorar a súa calidade. Para iso impleméntanse na área obxecto de ensaio sistemas agroforestais que permiten ampliar o abano de usos do territorio e a diversificación de ingresos, ademais de reforzar a protección da súa diversidade e reducir o risco ou, no seu caso, a incidencia de posibles lumes forestais.

A catedrática prevé que as actuacións programadas permitirán reducir o volume de biomasa combustible entre un 40 e un 60 %. Estas estimacións implican tamén un menor risco de incendios forestais e a diminución da pegada de carbono nas explotacións gandeiras.

A iniciativa aumentará as ganancias dos habitantes da contorna rural creando emprego e loitando contra o despoboamento

Na loita contra o cambio climático, o pastoreo pode achegar beneficios á produción forestal coa fertilización dos solos, e a maior superficie destinada ao pastoreo pode aumentar o grao de autonomía forraxeira e a diversidade da dieta dos animais, o que reduce os gastos de alimentación. Ademais, os ensaios en Galicia realízanse con animais de razas autóctonas ben adaptadas ao medio.

En definitiva, segundo indican Life Silfore terá un impacto positivo para o conxunto da sociedade, xa que os bosques ocupan aproximadamente o 30 % da terra e actúan como depósitos de biodiversidade, regulan o fluxo de auga e a protección contra a erosión do solo. O proxecto posibilita así mesmo mellorar a rendibilidade económica, social e ambiental dos bosques á vez que se aumentan as ganancias dos habitantes da contorna rural creando emprego, loitando contra o despoboamento das zonas rurais, diminuíndo o risco de incendios e abaratando os custos de mantemento.

Comments are closed.