Patrocinio Morrondo, elixida Muller máis Influente en Saúde Animal e Veterinaria de España en 2025

A catedrática da USC foi recoñecida pola súa traxectoria exemplar na docencia e investigación en ciencias veterinarias e biolóxicas

Patrocinio Morrondo. / Santi Alvite.

Patrocinio Morrondo Pelayo, catedrática da área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela e profesora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, foi elixida como a muller máis influente en Saúde Animal e Veterinaria de España en 2025.

O recoñecemento foi concedido pola publicación dixital Animal’s Health, no marco da terceira edición do Premio ‘Muller do Ano’, lanzado o pasado 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.

Este galardón ten como obxectivo dar visibilidade ao talento feminino no sector veterinario, destacando figuras que poidan servir de inspiración ás novas xeracións. Nesta edición, a elección de Morrondo foi resultado dunha axustada votación na que participaron miles de lectores da publicación.

A organización destacou á profesora da USC como unha das mulleres “máis relevantes do sistema universitario español” e salientou que “dedicou a súa vida á docencia, máis concretamente á rama de ciencias veterinarias e biolóxicas”. A entrega do premio terá lugar durante a cerimonia da cuarta edición dos Premios Saúde Animal e Veterinaria de España.

Traxectoria exemplar

Patrocinio Morrondo é licenciada en Veterinaria e Ciencias Biolóxicas, ademais de diplomada polo Colexio Europeo de Parasitoloxía Veterinaria. Na actualidade, exerce como catedrática na Facultade de Veterinaria de Lugo.

Ao longo da súa carreira, ocupou cargos relevantes como a presidencia da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), durante varios mandatos. Tamén actuou como avaliadora na Axencia Nacional de Avaliación e Acreditación (ANECA) e en diversas revistas científicas indexadas.

En 2019, foi nomeada membro do Comité Asesor sobre Infraestruturas Únicas (CAIS) do Comité Executivo do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación. Ademais, Morrondo foi a primeira académica de número electa da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *