Relatorio no Campus Terra sobre a pegada das infraestruturas hidráulicas durante a época romana
O enxeñeiro de Obras Públicas Isaac Moreno Gallo ofrecerá unha charla na Escola Politécnica de Lugo sobre a enxeñería hidráulica na antigüidade
Isaac Moreno Gallo, enxeñeiro de Obras Públicas do Ministerio de Fomento e licenciado en Xeografía e Historia, ofrecerá unha charla sobre a enxeñería hidráulica na antigüidade este xoves, 18 de abril, ás 17:00 horas. A sesión terá lugar no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.
A sesión, organizada polo profesor Carlos Núñez Temes, busca dar a coñecer a pegada e relevancia da enxeñería e das técnicas de construción na época romana, ademais de espertar o interese do alumnado pola historia e a cultura. O tamén presentador de televisión tratará de recuperar o coñecemento sobre a influencia das infraestruturas na elección dos asentamentos históricos e tamén o labor destas como vías de transmisión de aspectos culturais, coma os que se producen no Camiño de Santiago.
O relatorio conta con 40 prazas e as persoas interesadas en asistir á sesión poden formalizar a inscrición de balde.