Un proxecto piloto ensaia en Galicia o control da biomasa con gando en extensivo

O proxecto ‘Pastando en REDe’ mostra como a roza biolóxica é unha alternativa económica e sustentable para a conservación dos tendidos eléctricos no monte


O grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos leva a cabo o proxecto ‘Pastando en REDe’, unha iniciativa de carácter experimental que está a desenvolver en áreas dos concellos de Friol (Lugo) e Maceda (Ourense). As súas primeiras estimacións indican que a roza biolóxica se antolla como unha alternativa máis económica e, sobre todo, máis sustentable que os procedementos mecánicos para controlar a vexetación naquelas áreas de monte polas que discorren liñas de tendido eléctrica.

O grupo está coordinado por Rosa Mosquera Losada, e tamén forman parte do proxecto Red Eléctrica de España (Redeia), Unión Fenosa Distribución de Electricidade (UFD) e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. A catedrática da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC deu conta destes datos provisionais durante a xuntanza de traballo celebrada esta semana na sede universitaria luguesa. Tratouse dunha sesión na que se puxeron de manifesto os múltiples beneficios medioambientais que depara o control da vexetación, tamén chamado roza biolóxica, do pastoreo en extensivo.

Segundo explicou Mosquera Losada, as vantaxes tradúcense no aumento da biodiversidade nas zonas de pastoreo, na evolución das masas arbóreas, no enriquecemento dos solos e, entre outros, na fixación de carbono. Ademais, engadiu a investigadora que o pastoreo é unha práctica efectiva para avanzar na prevención de lumes forestais e implica uns custes económicos sensiblemente inferiores aos gastos que supoñen os traballos mecanizados.

Un dos motivos que animou ás eléctricas a promover este convenio coa USC e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes foi a cuestión económica, xa que había interese en reducir a elevada factura que supón para as compañías eléctricas as tarefas de preservación e conservación das liñas de tendido eléctrico e demais infraestruturas situadas nos montes. Actualmente desenvólvese de xeito experimental en Friol e Maceda, pero ten visos de ter continuidade no tempo e incluso de estenderse a outras posibles localizacións e con participación de máis eléctricas, dixo Mosquera.

As experiencias de control de vexetación e provisión de servicios ecosistémicos en enclaves situados baixo tendidos eléctricos e mesmo nas inmediacións destas infraestruturas con gandaría extensiva están a resultar efectivas, ao tempo que supoñen un pulo para o desenvolvemento rural sostible, subliña Mosquera. Esta investigadora sinalou asemade que, alén dos beneficios xa citados, o control biolóxico da biomasa con pastoreo extensivo facilita a cadea de valor das pequenas explotacións gandeiras e favorecer a remuda xeracional a través da visualización dunha nova forma de emprego tradicional con potencialidades para atraer e fixar poboación e que tamén axuda a evitar desigualdades entre o binomio campo-cidade.

Integrantes do proxecto. Cedida

Respecto das experiencias xa en marcha, a coordinadora do grupo de investigación comentou que logo de seleccionar dúas parcelas, os investigadores da USC delimitaron zonas lindeiras nas que soltaron cabras de carne e vacas de raza vienesa, respectivamente, a fin de avaliar e comparar así os efectos da zona mecanizada cos da roza biolóxica do gando en extensivo.

No caso da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo, no municipio de Friol, os investigadores optaron por situar nesta parcela medio centenar de cabras de carne, unha carga gandeira que se antolla compatible co resto de actividades e producións postas xa en marcha no mesmo territorio polos veciños e que tamén redundan en beneficio da xestión do monte comunal e da veciñanza. No proxecto piloto que se está a desenvolver en Ourense, optouse por liberar nunha superficie de monte do concello de Maceda 30 vacas de raza vienesa. A diversidade das tipoloxías de gando e mesmo do número de animais permitirá estudar e avaliar o seu nivel de eficiencia, explica Mosquera.

Comments are closed.