A Fundación Roberto Rivas impulsa os usos sostibles do monte e bosques galegos
A entidade lanza o proxecto Bicogal co que busca revitalizar os diferentes sectores vinculados á economía forestal
Bicogal é un programa pioneiro que busca revitalizar os diferentes sectores vinculados á economía forestal e promover a sostibilidade nas comarcas centrais de Galicia. É unha iniciativa de emprendemento innovador posta en marcha pola Fundación Roberto Rivas e que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Segundo indican, este proxecto emerxe como resposta á necesidade de fomentar os usos sostibles e produtivos dos bosques e os monte galegos, promovendo sectores chave como a xestión forestal sostible, as enerxías renovables, a silvicultura, a bioconstrución e o turismo de espazos naturais. Ademais, aspira a establecer unha relación máis sostible co monte e os bosques, contribuíndo de xeito significativo ao emprego e ao asentamento da poboación en áreas rurais.
Esta causa é aberta, por iso a Fundación Roberto Rivas convida a toda persoa comprometida a sumarse. Para iso, desenvolveranse dúas xornadas sectoriais en O Irixo (Ourense) e Forcarei (Pontevedra), previstas para o 7 e 8 de maio de 2024, respectivamente. Estes encontros centraranse en explorar novas oportunidades e desenvolver solucións a desafíos específicos na economía silvícola e a xestión forestal sostible.
Tras as xornadas, iniciaranse seis semanas de innovación colaborativa, durante as cales os participantes traballarán en transformar as ideas en proxectos viables. A convocatoria está aberta ata o 6 de maio para persoas emprendedoras, empresas e profesionais, organizacións e institucións e persoas comprometidas con ideas frescas e novas perspectivas.
Apoio da Fundación Roberto Rivas
Os proxectos seleccionados nas xornadas recibirán mentorías e apoio técnico intensivo para desenvolver as súas ideas. A iniciativa culminará coas presentacións ante un comité avaliador, que buscará ao proxecto máis prometedor para recibir un apoio continuado de seis meses e ata 5.000 euros de axuda económica.