A MBG acolle a V Reunión Plenaria da Rede Española de Selvicultura Adaptativa ao Cambio Climático

O evento busca compartir avances na investigación e xestión forestal no contexto do cambio climático

Inauguración do evento a cargo de José Luis Chan, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, e de Rafael Zas Arregui, director da MBG.

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) acolle na súa sede en Pontevedra (O Palacio, Salcedo) a V Reunión Plenaria da Rede Española de Selvicultura Adaptativa ao Cambio Climático. O obxectivo deste encontro académico é compartir os avances e logros da Rede e coñecer de primeira man os progresos en investigación e as necesidades actuais na xestión forestal nun contexto de cambio global.

A MBG é unha das entidades participantes nesta Rede, que se puxo en marcha en 2019 con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ademais, forman parte dela diferentes universidades españolas e outros institutos do CSIC, así como a Fundación Centro de Estudos Ambientais do Mediterráneo, Ifapa-Junta de Andalucía, o Centro de Propiedade Forestal da Generalitat de Catalunya e o Gobierno de Aragón.

A participación da MBG céntrase no grupo de Incendios Forestais e Loita contra a desertificación, enfocado na restauración de áreas queimadas. Durante o encontro desenvolveranse relatorios de convidados, abertos ao público, sesións internas dos membros da Rede e saídas de campo.

O evento comezou o 2 de outubro coa inauguración a cargo de José Luis Chan, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, e de Rafael Zas Arregui, director da MBG.

Durante a xornada presentáronse relatorios a cargo de representantes das institucións que integran da Rede, abordando cuestións como as solucións que debe ofrecer a selvicultura adaptativa, a xestión proactiva de territorios con risco extremo de incendios, as visións que teñen os propietarios acerca da xestión forestal en Galicia ou a dinámica post-incendio nun contexto de cambio climático.

Nas sesións internas, realizadas pola tarde, os membros da Rede trataron, entre outros temas, os logros e retos dos grupos de traballo e a elaboración dunha guía técnica de selvicultura adaptativa. O xoves 3 de outubro, os asistentes realizarán visitas a diferentes experiencias de xestión en Monte Viso co fin de coñecer máis sobre a xestión forestal en Galicia e compartir información.

Aposta polas agrupacións forestais de xestión conxunta

O 1 de outubro publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución de axudas para a creación destas entidades, cun investimento superior aos 775.000 euros o que permitirá crear 20 novas asociacións e chegar ata un total de 44.

O Rexistro Administrativo de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta vai contar con 1.795 socios para xestionar conxuntamente 14.942 parcelas, cunha superficie total de 4.811,19 hectáreas, co fin de obter unha mellora na eficiencia e sustentabilidade da xestión forestal.

Rede de intercambio

A Rede de Silvicultura Adaptativa ao Cambio Climático naceu a finais do ano 2019 como consecuencia de homoxeneizar toda a información científico-técnica dispoñible en España e servir como punto de encontro entre os diferentes actores implicados na correcta xestión dos bosques. Forman parte desta rede diferentes universidades españolas e tamén gobernos autonómicos como a Xunta de Galicia.

Comments are closed.