Storcito: un novo proxecto europeo liderado pola UVigo para transformar o rural mediante innovación sostible
Con 4,9 millóns de euros de orzamento, a iniciativa céntrase na prevención de incendios, a mobilidade e a transición enerxética

María Fernández, Fernando Veiga e Maribel Doval lideran a iniciativa desde o campus de Ourense. / DUVI Ourense.
Co obxectivo de impulsar a transformación sostible das comunidades rurais europeas mediante innovacións técnicas, sociais e organizativas, o proxecto Storcito comezou este mes de maio liderado pola Universidade de Vigo. A iniciativa conta cun orzamento de case 4,9 millóns de euros, financiados polo programa Horizonte Europa, e desenvolverase durante tres anos.
Un consorcio de cinco países
O consorcio de Storcito (Sustainable transformation of rural communities via technical, social and organizational innovations) está composto por once entidades de Noruega, España, Alemaña, Grecia e Países Baixos entre as que se atopan cinco universidades (UVigo, Ruhr Bochum, Agrícola de Atenas, Utrecht e o Instituto de Tecnoloxía Deggendorf).
Tamén conta con centros de innovación como Sintef AS e o Inorde; as empresas tecnolóxicas Innogando SL e Nimmo AS e o municipio noruegués de Gjesdal. Á UVigo correspóndenlle 620.625 euros.
O equipo do campus de Ourense que lidera o proxecto é multidisciplinar e está encabezado por Fernando Veiga, Maribel Doval e María Fernández, procedentes dos grupos AeroLab, Historia Contemporánea I e Sistemas Agroambientais, respectivamente, todos pertencentes ao Campus Auga.
A proposta “xorde a partir dunha convocatoria do programa Horizonte na que vimos que as solución que se buscaban axeitábanse moi ben a varias liñas de traballo que se están potenciando dende o Campus Auga”.
O equipo destaca o enfoque innovador do proxecto ao integrar tecnoloxía non tripulada, estudos biolóxicos e perspectivas sociais e educativas: “O esquema xuntar tecnoloxía aérea non tripulada, análise biolóxica dos solos e factores sociais e educativos é certamente rompedor”.
Tres eixes tecnolóxicos para o cambio
Storcito céntrase en tres grandes liñas de traballo. A primeira tecnoloxía consiste no deseño dunha ferramenta avanzada para avaliar o risco de incendios forestais, baseada en datos xeoespaciais e sociais.
Tamén se desenvolverá un sistema de mantemento da vexetación con gando autóctono guiado por GPS, xunto cunha análise da percepción social dos lumes e a creación de materiais didácticos de sensibilización, principalmente en Galicia e Grecia.
A segunda liña céntrase na introdución de tecnoloxías CCUS (captura de carbono do aire) en contornas rurais, analizando a súa aceptación social e facilitando solucións aos responsables rexionais. Esta fase desenvolverase sobre todo en Alemaña e Países Baixos.
O terceiro eixo aborda a modificación dunha aplicación de mobilidade baixo demanda, adaptándoa ás condicións das zonas rurais (poboación dispersa, envellecemento, etc.) para mellorar a mobilidade sostible. Esta parte será liderada por socios noruegueses co apoio de Ourense.
A UVigo encárgase da coordinación xeral do proxecto e lidera os traballos relacionados coa prevención de incendios, tanto desde o punto de vista tecnolóxico como educativo e social.
Un enfoque adaptado á diversidade rural europea
Storcito desenvolverase en distintos ecosistemas rurais representativos das catro zonas climáticas europeas: atlántica, mediterránea, continental e boreal. As innovacións “crearanse en conxunto coas partes interesadas rurais para responder ás súas necesidades e examinarase a súa viabilidade e/ou inconvenientes en diferentes rexións bioxeográficas”.
Desde a organización do proxecto destácase que as zonas rurais representan o 83% do territorio da UE e albergan un terzo da súa poboación, xunto con recursos naturais e ecosistemas fundamentais. Diante da diversidade de retos que afrontan, sublíñase que o empoderamento das áreas rurais será clave para acadar a neutralidade climática en 2050. Storcito pretende así ofrecer solucións innovadoras e sostibles que favorezan a resiliencia das comunidades a longo prazo.