Green Galicia CSF valida un modelo de franxas de protección adaptadas ao cambio climático e produtoras de madeira de calidade
O proxecto, desenvolvido por Gallanova Norte xunto coa Asociación Forestal Ourensá e comunidades de montes de Pontevedra, crea un sistema de alerta baseado en sensores de humidade para manter a eficacia das frondosas caducifolias como devasas naturais
As franxas de protección contra incendios forestais que rodean vivendas, estradas e infraestruturas poden converterse en moito máis que unha obriga legal. Esa é unha das principais conclusións do proxecto Green Galicia CSF, unha iniciativa que acaba de finalizar e que permitiu demostrar como estes espazos poden contribuír simultaneamente a reducir o risco de incendios, favorecer a adaptación do monte ao cambio climático e xerar futuras producións de madeira de alto valor.
O proxecto foi executado pola empresa forestal Gallanova Norte, en colaboración coa Asociación Forestal Ourensá e diversas Comunidades de montes da provincia de Pontevedra, contando cun orzamento de 23.000 euros, cofinanciado nun 75% polo Instituto Forestal Europeo (EFI) dentro do programa Citizen and Stakeholder Engagement in CSF and Forest Restoration.
Converter unha obriga legal nunha oportunidade forestal
Segundo explica o director técnico do proxecto, Jacobo Feijoo, a iniciativa naceu a partir dunha reflexión sinxela.”Vimos unha oportunidade na obriga de realizar as rozas e xestionar as franxas de seguridade para fomentar a selvicultura de frondosas caducifolias, que apenas existe en Galicia por falta de tradición e coñecemento”.
O proxecto promoveu a utilización de especies autóctonas como carballo, castiñeiro ou rebolo (cerquiño) nas franxas de protección establecidas pola normativa forestal, pero cun enfoque diferente ao habitual.
Compre lembrar que en Galicia, a normativa de prevención de incendios obriga a manter franxas de protección ao redor de vivendas, aldeas e vías de comunicación. Estas franxas deben manterse rozadas no verán e non poden albergar nin piñeiros nin eucaliptos, as principais especies produtivas en Galicia, pero si frondosas caducifolias, con determinados parámetros técnicos.
No marco deste proxecto, as franxas de protección, alén de cumprir a súa función preventiva fronte ao lume, concíbense como auténticas parcelas demostrativas, onde os comuneiros poden aprender técnicas de plantación, formación e poda orientadas a producir madeira de elevada calidade.
“Queriamos que as propias franxas servisen como escola práctica de selvicultura. As técnicas que se aplican nestes espazos poden trasladarse posteriormente ao resto das masas de frondosas dos montes veciñais”, sinala Feijoo.
Sensores para garantir que as frondosas sigan actuando como devasas
Un dos aspectos máis innovadores do proxecto foi o desenvolvemento dunha aplicación baseada en sensores de humidade do solo.
Tras os grandes incendios rexistrados en Galicia durante os últimos anos, o equipo técnico quixo responder a unha cuestión fundamental: seguen funcionando as franxas de frondosas como devasas durante os períodos de seca?
“A resposta é que non sempre”, explica Feijoo.
“Unha frondosa sometida a un forte déficit hídrico perde parte da súa capacidade para actuar como barreira fronte ao lume. Por iso desenvolvemos un sistema que monitoriza continuamente a humidade do chan.”
Os sensores instalados envían información en tempo real e, cando a humidade do perfil do solo descende por baixo dos niveis considerados seguros, a aplicación xera automaticamente unha alerta no teléfono móbil dos responsables da comunidade de montes.
A partir dese aviso pode realizarse unha rega puntual mediante tractor con cisterna ou vehículo de extinción, recuperando rapidamente a humidade do chan.
“Cando a árbore deixa de sufrir tensión hídrica recupera a súa turxencia e aumenta novamente a súa capacidade para frear o avance dun incendio”, resume o director técnico.

Franxa de ‘Quercus rubra’, carballo americano, con dosel de copas optimizado para dar sombra ao chan, rozado e con fustes ben conformados de alto valor. A vixilancia da humidade do solo en tempo real, e a súa conservación con regas estratéxicas cando se detecta déficit hídrico, permite garantir un bo efecto devasa en caso de incendio.
Adaptación do monte galego ao cambio climático
Máis aló da prevención de incendios, Green Galicia CSF buscou integrar ás comunidades de montes dentro dunha estratexia de adaptación forestal fronte a escenarios climáticos cada vez máis extremos.
As accións desenvolvidas incluíron xornadas formativas, elaboración de materiais divulgativos e demostracións prácticas dirixidas a mellorar a xestión das plantacións de frondosas nos montes veciñais.
O obxectivo final é que estas experiencias sirvan para estender novas prácticas selvícolas que incrementen tanto a resiliencia dos ecosistemas forestais galegos como o valor económico futuro das masas de frondosas.
Con esta iniciativa, os promotores defenden un cambio de enfoque na xestión das franxas de seguridade: deixar de consideralas unicamente como unha obriga administrativa para convertelas en espazos de aprendizaxe, adaptación climática e valorización do monte.



