Myco Galicia Plantae presenta a guía ‘Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal’
Esta publicación pioneira e única na Península Ibérica, que axuda a identificar a estes seres vivos, xa iniciou a prevenda
MycoGalicia Plantae, socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) da Universidade de Vigo, xunto co Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, inician o proceso de lanzamento da guía ‘Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal’. Trátase dunha publicación pioneira e única na Península Ibérica e que recolle 91 especies diferentes. Esta guía foi creada por Óscar Requejo Martínez, micólogo, micófilo e presidente do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, e N. Floro Andrés Rodríguez, doutor en Farmacia, membro da Real Academia de Farmacia de Galicia, do Grupo Berbés de Investigación e integrante, desde 1992, do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire.
Segundo os promotores de MycoGalicia Plantae, os mixomicetos son “seres vivos marabillosos e enigmáticos, de vivas cores e interesantísima bioloxía”. Son organismos multicelulares que pertencen ao reino Protista, no que tamén están os protozoos e as amebas. A denominación de Myxomycetes provén do grego (myxo: mucoso e mykes: fungo) e equivale a fungos mucosos, o que describe de maneira gráfica o seu aspecto. Pódense atopar nos ecosistemas terrestres e, en consecuencia, nos bosques galegos e do norte de Portugal. A guía cataloga máis de 90 especies de mixomicetos.
A guía xa superou a fase de maquetación e a impresión está prevista para os meses de agosto e setembro de 2024, pero xa abriu un proceso de prevenda da publicación. Deste xeito, as persoas interesadas poden reservar e garantir que contarán cun exemplar, xa que a cantidade de guías dispoñibles dependerá da demanda. A publicación, de máis de 300 páxinas en galego, pódese mercar xa na web de MycoGalicia Plantae e o seu prezo é de 25 euros.
A guía recolle características biolóxicas, estruturas vexetativas, ciclo biolóxico, ecoloxía, onde viven e en que época frutifican
Óscar Requejo Martínez e N. Floro Andrés Rodríguez, foron adquirindo coñecemento e empapándose de información durante 20 anos, nos que dedicaron moitas horas de saídas ao campo e estudo no laboratorio e na biblioteca seguindo a estes interesantes seres. Nesta publicación, na que traballaron durante cinco anos, xuntaron información sobre a súa bioloxía, características macro e microscópicas, distribución en Galicia e no norte de Portugal e tamén atoparon moitas novas especies que por primeira vez se describen neste territorio.
Segundo indican, non hai en España ningunha guía destas características que axude a identificar mixomicetos doutras comunidades autónomas. Na primeira parte fálase sobre características biolóxicas, estruturas vexetativas, ciclo biolóxico, ecoloxía, onde viven e en que época frutifican. Inclúese a historia do seu estudo en Galicia, desde a primeira mención dun mixomiceto no ano 1951. Analízanse tamén os seus aspectos etnolóxicos, é dicir, a relación que o ser humano mantén cos mixomicetos, ás veces sorprendente. Así mesmo, dedícase un capítulo aos métodos e técnicas para o seu estudo. Outro apartado describe, por orde alfabética, as 91 especies identificadas. A guía tamén inclúe un glosario de termos científicos e un índice de especies e xéneros.