O Proxecto GO RESFO impulsa a resina galega cara mercados de alto valor engadido

O resinado en bolsa pechada permite optimizar a calidade do produto.
O proxecto de investigación GO RESFO, enfocado na revalorización da resina galega de ‘Pinus pinaster’, presentou os seus resultados intermedios, confirmando o éxito da nova metodoloxía de destilación industrial en envase pechado e a apertura de prometedores nichos de mercado premium.
Xagoaza Pinaster S.L., FORESIN, o grupo GRUPAEM-UVIGO, GLECEX e FUNDACIÓN CETEMAS, traballan para modernizar o proceso de extracción, posicionando a resina galega como unha alternativa sostible e de alta calidade fronte aos derivados do petróleo.
Innovación e Calidade Certificada
O fito central desta anualidade foi a automatización do proceso de destilación por parte de Xagoaza Pinaster. A implementación de sistemas de control e adquisición de datos en continuo permite medir e rexistrar variables clave, aumentando a eficiencia e garantindo a consistencia do produto.
As análises fisicoquímicas realizadas por Fundación CETEMAS confirman unha notable mellora nas calidades físico-químicas da resina obtida mediante o novo método de recolección en envase pechado:
• Esta metodoloxía produce colofonias con máis altos índices de acidez, o que certifica unha pureza superior e un gran potencial industrial.
• Os envases pechados confiren á colofonia unha coloración moito máis baixa que con outras metodoloxías, un parámetro moi valorable na industria de segunda transformación e na fabricación do produto final.
• No caso da trementina, esta técnica garante unha calidade óptima ao preservar a súa composición terpénica, esencial para o seu uso no mercado.
Ademais, a orixe coñecida da resina (Galicia) é un factor determinante, xa que garante a rastrexabilidade completa do produto. Isto asegura a súa pureza e procedencia, desde o monte ata o mercado, cumprindo así cos máximos requisitos de calidade e transparencia demandados polas industrias de alto valor engadido.
A cosmética natural e os adhesivos de alto rendemento son mercados que precisan ingredientes de alta pureza e calidade, como os obtidos no proxecto GO RESFO
Apertura a nichos de mercado premium
O estudo estratéxico de mercado, liderado por UVIGO e FORESIN, identificou segmentos clave onde a resina galega pode posicionarse como un ingrediente diferenciador.
“Confirmamos que a pureza e a consistencia química da nosa resina son activos de gran relevancia para sectores con alta regulación,” explican os responsables do proxecto.
Os nichos de mercado prioritarios confirmados son:
• Cosmética natural: Un mercado que valora especialmente a rastrexabilidade, a pureza e as propiedades bioactivas dos extractos naturais.
• Adhesivos técnicos de alto rendemento: Sectores que requiren materiais con propiedades específicas para aplicacións críticas.
Para validar esta proposta, FORESIN contratou a execución de diferentes ensaios externos que certifiquen estes usos da colofonia e trementina, asegurando unha base técnica sólida ante os futuros compradores.
Tecnoloxía e futuro sostible
O consorcio tamén avanzou no desenvolvemento de extractos ricos en terpenoides (GLECEX), utilizando técnicas analíticas avanzadas (Headspace-GC-MS) para caracterizar e optimizar a recuperación de compostos bioactivos.
Estes extractos non buscan illar compostos puros, senón obter mesturas naturais complexas e reproducibles, destinadas a ser a base de novos bioproductos sostibles que substitúan aos derivados petroquímicos.
O proxecto GO RESFO consolídase así como un motor de innovación para o sector forestal galego, transformando un produto tradicional nunha materia prima de alta tecnoloxía con proxección en mercados globais.
Información do Consorcio e Financiamento
O proxecto conta coa colaboración dos seguintes socios integrantes:
• FORESIN: Empresa de consultoría e enxeñería ambiental especializada en xestión forestal.
• Xagoaza Pinaster: Industria transformadora de resinas naturais.
• Universidade de Vigo (GRUPAEM): Grupo para a Análise Empresarial, equipo de investigadores especialistas en modelos de negocio e mercados.
• Global and Ecofriendly Natural Extracts, S.L. (GLECEX): Empresa de biotecnoloxía especializada en extractos naturais.
• FUNDACIÓN CETEMAS: Centro tecnológico forestal de la Madera de Asturias.
O proxecto está financiado dentro do marco da convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC 2023). O importe total de financiamento ascende a 138.469,85 € (Cofinanciado ao 80% por fondos da UE).
Para máis información sobre o proxecto GO RESFO e os seus avances, pódese visitar a súa páxina web ou seguilo en redes sociais.



