Programa de emprendemento para a xestión forestal sostible
Oito proxectos en Galicia e Asturias recibirán apoio para desenvolver iniciativas innovadoras que fomenten o emprego verde e o coidado dos ecosistemas forestais

Imaxe de arquivo.
O proxecto CAPRIF-CC lanzou un programa de emprendemento para impulsar oito iniciativas en Galicia e Asturias. O seu obxectivo é promover negocios vinculados á conservación e explotación sostible dos ecosistemas forestais, fomentando o “emprego verde”, o emprendemento rural e a innovación na produción.
O programa poderá chegar a admitir proxectos de produción, transformación e servizos que apoien a xestión forestal. Por exemplo, iniciativas como gandería, apicultura, micoloxía, as plantas aromáticas e medicinais ou a xestión de biomasa.
A Fundación Juana de Vega será a encargada de coordinar este programa que está orientado a emprendedores e empresas que presten servizos ou estean situadas nos 17 municipios galegos e asturianos onde se desenvolve o proxecto.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 28 de febreiro. As persoas interesadas poderán apuntarse a través da seguinte ligazón ou enviando un correo a caprif@juanadevega.org.
Comité de selección
O programa seleccionará oito proxectos que recibirán titorías, asesoramento e mentoría con expertos. O Comité de Selección priorizará iniciativas lideradas por mulleres, propostas por participantes dos cinco Living Labs de CAPRIF-CC e aquelas que respondan as súas demandas.
Desenvolto entre marzo e outubro, o programa axudará aos emprendedores para concretar o enfoque técnico dos seus proxectos, definir o seu modelo de negocio e elaborar un plan que garanta a súa viabilidade económica.
CAPRIF-CC é impulsado pola Fundación Juana de Vega, CEER, CETEMAS, AGCT e Montescola, co apoio da Fundación Biodiversidade do MITECO. Forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE a través dos fondos NextGenerationEU.