Sendeirismo para coñecer as innovacións do proxecto Cogomelos+
Os integrantes do Grupo Operativo impartirán nocións básicas para a identificación de cogomelos e abordarán a xestión de piñeirais en Galicia
O Grupo Operativo Cogomelos+ levará a cabo unha ruta demostrativa no monte veciñal de mancomún de Serragorda (Begonte, Lugo). O obxectivo é tratar a diversidade e identificación de cogomelos silvestres mentres explican os resultados obtidos no proxecto de innovación.
Para acudir ao evento, que terá lugar o sábado 11 de novembro ás 10:00 horas, é necesario realizar a inscrición. Haberá autobús que sairá ás 9:00 horas da Escola Politécnica Superior de Lugo e ás 9:30 horas da Praza do Concello de Begonte.
A sesión consistirá nunha ruta pola contorna forestal de Baamonde onde se impartirán nocións básicas para a identificación de cogomelos e a descrición das especies atopadas. Ademais, detallaranse as liñas xerais de xestión de piñeirais polas empresas de servizos forestais e comentaranse os aspectos máis significativos da lexislación autonómica sobre aproveitamentos micolóxicos. Intervirán representantes das tres entidades que integran o proxecto: Servitec Medio, a Universidade de Santiago de Compostela e FEUGA.
O proxecto busca introducir tecnoloxías de xestión innovadoras co obxectivo de conseguir os máximos rendementos económicos dos piñeirais de Galicia, tanto madeireiros coma micolóxicos. O Grupo Operativo trata de incrementar a produtividade micolóxica dos montes galegos, dado que hai unha gran porcentaxe que se está desaproveitando.