A futura plataforma TIC da IXP Ternera Gallega chega á Conferencia da Red PAC da UE en Estoril
O grupo operativo DIXITEGA foi un dos seleccionados para participar no encontro e conta cun estand propio dende o que avanzará o funcionamiento da plataforma TIC desenvolta para dixitalizar a cadea de valor da IXP
GO DIXITEGA (Dixitalización da cadea de valor da IXP Ternera Gallega) foi un dos seleccionados para contar cun estand propio na Conferencia da Rede PAC da UE “Grupos Operativos EIP-AGRI: Innovación na práctica” (en inglés, EU CAP Network conference “EIP-AGRI Operational Groups: Innovation in practice”). O equipo foi elixido entre os 3.400 Grupos Operativos desenvolvidos desde 2012 na Unión Europea. O encontro sectorial celébrase hoxe e mañá en Estoril (Portugal) coa asistencia prevista dunhas 450 persoas.
O obxectivo principal da conferencia é dobre. Por unha banda, resaltar a implementación exitosa da Asociación Europea de Innovación (EIP-AGRI, European Innovation Partnership “Agricultural Productivity and Sustainability”, polo seu nome en inglés) a través dos Grupos Operativos, un dos seus principais alicerces. Pola outra, aprender desta experiencia para a implementación dos proxectos no marco da PAC 2023-2027.
Alfonso Ribas, director de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora do GO DIXITEGA, representará ao consorcio e mostrará os resultados conseguidos até o momento, así como as fases de traballo que se irán completando desde setembro de 2022 e que culminarán 25 meses despois, a finais de setembro de 2024.
Desde o estand habilitado no Centro de Congressos de Estoril, compartirá un avance da nova plataforma TIC que reúne nun único lugar datos de diferentes fontes para que os axentes da cadea de valor da IXP Ternera Gallega coñezan en tempo real información relevante que lles permita optimizar o seu traballo diario.
O obxectivo final de DIXITEGA foi achegar solucións prácticas e innovadoras que respondan a estas barreiras para fomentar a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural de Galicia. En xeral, o sector cárnico galego achega o 34 % da PFA (Produción Final Agraria). Está formado por unhas 43.000 explotacións e 192 industrias que facturan uns 1.400M euros/ano e empregan a unhas 5.800 persoas. Representa, así mesmo, un papel esencial na xestión do territorio e na prevención dos incendios forestais.
A través desta aplicación, produtores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribución, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información sobre o custo de materias primas, evolución de prezos, oferta e tipoloxía dos animais dispoñibles para comercialización, estatísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outros.
Xornadas formativas en xuño
En xuño están previstas catro formacións específicas para o sector en Lugo cidade, Becerreá, Vilalba, A Gudiña e Santiago para que os principais usuarios aprendan a manexar a plataforma do GO DIXITEGA, e consoliden o seu uso como ferramenta para mellora da competitividade.